Curtis denuncia verteduras na canteira de Portecelo e anuncia man dura contra o lixo fóra dos colectores

O Concello de Curtis volveu lembrar á veciñanza que está prohibido depositar residuos fóra dos espazos habilitados e que, ante os últimos episodios detectados, xa se activaron os correspondentes expedientes sancionadores para tratar de localizar ás persoas infractoras. O goberno local insiste en que a colaboración cidadá é clave para coidar o medio e manter en bo estado os espazos públicos.
A advertencia chega despois de que o Concello presentase unha denuncia ante a Garda Civil por verteduras ilegais na canteira de Portecelo, unha zona que xa fora limpada hai apenas uns días tras aparecer residuos similares. Segundo explica o consistorio, parte do material localizado (como pneumáticos) debería entregarse no Punto Limpo, e na contorna existe sinalización coa prohibición expresa de tirar lixo.
O executivo municipal asegura que manterá a ‘tolerancia cero’ e que as inspeccións continuarán. A normativa local recolle sancións que poden ir dos 39 aos 600 euros e, no caso de verteduras en lugares non autorizados, advirte de que se trata dunha infracción moi grave, con multas entre 300 e 600 euros. Ademais, lembra que existe recollida gratuíta de residuos para o Punto Limpo e de plásticos agrícolas (tamén solicitábel a través da app municipal), e que o servizo mellorou con máis colectores, recollida de papel-cartón a domicilio tres veces por semana e depósitos específicos para aceite usado.