Curtis dá luz verde a unha nova planta industrial en Teixeiro cunha inversión de 8 millóns
O Concello de Curtis segue a apostar polo desenvolvemento económico e industrial da comarca coa aprobación, no pleno celebrado este venres, da instalación da empresa In Proteins for All S.L. no Polígono de Teixeiro. Este proxecto, que suporá unha inversión de preto de 8 millóns de euros, permitirá a creación de 15 novos postos de traballo directos, consolidándose como un importante motor económico para o municipio.
A planta, que xa conta coa licenza municipal, dedicará a súa actividade á produción de proteínas, un sector en crecemento que destaca pola innovación e o compromiso co desenvolvemento sostible. A empresa solicitou e recibiu a bonificación do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), contemplada na normativa municipal, e foi declarada como proxecto de interese especial ou utilidade municipal, recoñecendo o seu impacto positivo no tecido industrial e social de Curtis.
Actuacións prioritarias para mellorar o municipio
No mesmo pleno, aprobouse tamén unha modificación de crédito por un importe de 248.950 euros, financiados co remanente de tesourería do 2023. Este orzamento destinarase a unha serie de actuacións urxentes e prioritarias para o municipio, entre as que destacan:
- 133.000 euros para reparar a rede viaria municipal, especialmente nas áreas máis afectadas polas condicións meteorolóxicas adversas.
- 50.000 euros para a construción dunha nova pista deportiva, reforzando as infraestruturas para o deporte e o lecer.
- 17.950 euros para adquirir equipamento e mobiliario destinado aos servizos de conciliación e atención temperá.
- 12.000 euros para o mantemento e conservación dos campos de fútbol de Teixeiro e Curtis.
- 13.000 euros para instalar unha varanda e acondicionar as zonas anexas ao Edificio de Usos Múltiples, garantindo a seguridade na zona.
- 7.000 euros para dotar de mobiliario as vivendas sociais de Padreiro e A Espiñeira.
Postura fronte á taxa de residuos estatal
Ademais, o goberno municipal aprobou unha proposta da alcaldía para solicitar ao Goberno estatal a derrogación da obrigatoriedade de establecer a taxa de residuos, recollida na Lei 7/2022, que obriga aos concellos a financiar o servizo a través de impostos directos aos veciños. Segundo o equipo de goberno, esta medida supón unha carga económica inxusta para a cidadanía.
No entanto, ante as esixencias da normativa estatal, o pleno aprobou, cos votos favorables do PP e os votos en contra do BNG, unha nova ordenanza fiscal reguladora da taxa de residuos de competencia municipal. Este documento baséase nun estudo de custos externalizado e adapta as taxas ás obrigas legais vixentes, mentres o Concello confía en que a normativa sexa finalmente derrogada.