Curtis correrá o 10 de maio contra o cancro na sétima edición da súa cita solidaria

Curtis volverá converter o deporte nunha ferramenta de solidariedade o vindeiro 10 de maio coa celebración da sétima edición da súa carreira e andaina contra o cancro, unha cita xa asentada no calendario local e que terá carácter benéfico.
A iniciativa está organizada polo Concello de Curtis e pola Federación Galega de Atletismo, e a recadación obtida destinarase á Asociación Española Contra o Cancro. A presentación do evento tivo lugar esta semana nun acto no que participaron o alcalde, Javier Caínzos, representantes da xunta local Curtis-Teixeiro da entidade e a técnica municipal de deportes.
A proba manterá o seu formato aberto tanto para corredores como para persoas que prefiran participar nun percorrido máis accesible a través da andaina. O prezo da inscrición será de 5 euros en ambas modalidades, mentres que os menores de 8 anos poderán sumarse de balde.
Desde o Concello animan á veciñanza e tamén aos afeccionados ao deporte doutros municipios a achegarse ese día a Curtis, nunha xornada que combinará actividade física e colaboración cunha causa social. O goberno local destaca ademais a oportunidade de aproveitar a cita para descubrir a gastronomía e o patrimonio do municipio.