Curtis celebra as vodas de prata da Festa do Cabalo de Teixeiro cunha intensa xornada ecuestre

O Concello de Curtis ultima os preparativos para celebrar este 2 de agosto a XXV Festa do Cabalo de Teixeiro, unha cita xa consolidada no calendario ecuestre galego que este ano alcanza as súas vodas de prata cun programa que combinará competición, exhibicións e actividades dirixidas aos afeccionados ao mundo do cabalo.
O evento desenvolverase no parking do polígono industrial de Teixeiro desde as 10.00 horas e reunirá participantes chegados de distintos puntos de Galicia para competir en varias disciplinas. Entre os principais atractivos da xornada figuran o Concurso Morfolóxico Oficial da Copa Galicia, puntuable para a Copa Galicia de Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega, así como as probas de andadura, tanto federadas como non federadas.
Outro dos momentos destacados será a celebración do Campionato Galego de Enganches, que converterá Teixeiro nun punto de encontro para os mellores especialistas desta disciplina. O programa completarase coa exhibición Paco Martos Horse Show, un espectáculo ecuestre que porá o broche á tarde antes da entrega de premios e da clausura da festa.
Ao longo dos seus vinte e cinco anos de historia, a Festa do Cabalo de Teixeiro consolidouse como unha das citas de referencia para o sector hípico na provincia da Coruña, reunindo cada verán a criadores, xinetes e afeccionados arredor da promoción do cabalo e das tradicións ecuestres.
A organización corre a cargo do Concello de Curtis coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, da Asociación Pura Raza Cabalo Galego e da Federación Hípica Galega.