Curtis celebra a ruta DesTAPAte para saborear queixo e nabizas nesta ponte da Constitución

ACoruñaXa
Do 6 ao 8 de decembro, 25 locais de Curtis e Teixeiro ofrecerán tapas gratuítas con cada consumición para poñer en valor os produtos locais
tapas curtis 1
27 Nov 2024

O Concello de Curtis propón unha cita ineludible para os amantes da boa gastronomía durante esta ponte da Constitución. Do 6 ao 8 de decembro, a ruta DesTAPAte converterá 25 locais de hostalería de Curtis e Teixeiro nun escaparate dos produtos estrela da zona: o queixo con denominación de orixe Arzúa-Ulloa e as tradicionais nabizas, ingredientes perfectos para combater o frío do inverno.

Os establecementos participantes ofrecerán tapas gratuítas elaboradas con queixo ou nabizas acompañando cada consumición, permitindo que veciños e visitantes degusten a calidade da gastronomía local. Ademais, moitos deles complementarán a súa oferta con menús especiais que homenaxean estes dous produtos típicos da comarca.

Con esta iniciativa, organizada polo Concello, búscase non só dar visibilidade ao patrimonio gastronómico de Curtis, senón tamén dinamizar o sector hostaleiro nunha das fins de semana máis destacadas do ano. A ruta DesTAPAte consolidouse ao longo dos anos como unha cita imprescindible para degustar tradición e innovación culinaria nun ambiente festivo e acolledor.

tapas curtis 2
0.15924501419067