Curtis acolle este sábado o I Torneo Élite Nacional de Balonmán

ACoruñaXa
O torneo celébrase este sábado 24 de febreiro no Pavillón de Curtis coa participación de 4 equipos entre os que se atopa Inclubasket Coruña
Fotografía da presentación do I Torneo Elite Nacional de Balonmán en Curtis
Fotografía da presentación do I Torneo Elite Nacional de Balonmán en Curtis
22 feb 2024

O Polideportivo de Curtis será este sábado 24 de febreiro a sede na que se disputará o primeiro Torneo Élite Nacional de Balonmán en cadeira de rodas. O campionato celebrarase a partir das 10.00 horas co obxectivo de fomentar e visibilizar o deporte para persoas con discapacidade.

Esta competición é un evento deportivo pioneiro no territorio nacional organizado polo presidente de Inclubasket Coruña e veciño de Curtis, Lorenzo E. Edjang. Á súa vez, a Federación Galega de Balonmán e a Área de Deportes do Concello de Curtis colabora coa organización do campionato.

O acto de presentación do torneo tivo lugar hoxe no Salón de Actos do Concello de Curtis coa participación do presidente de Inclubasket Coruña, o presidente e a Federación Galega de Balonmán, Bruno López e o alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos.

O presidente de ICB Coruña explicou que este primeiro torneo de España de Balonmán en cadeira de rodas é un evento deportivo inclusivo co que se busca a promoción da inclusión social a través do deporte adaptado, estendendo os seus beneficios ás zonas rurais e fortalecendo a cohesión comunitaria.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega incidiu na importancia deste evento para o balonmán galego e nacional “en primeiro lugar porque supón un avance claro cara ao obxectivo de que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades dentro do contexto do seu deporte, e en segundo lugar porque significa que o balonmán poñerá a súa primeira pedra en Curtis, un concello no que aínda non tiñan presencia pero no que a partir de agora, co apoio a iniciativas como esta, esta modalidade poderá seguir crecendo”. López, agradeceu o esforzo do club local e do Concello de Curtis.

Caínzos recalcou que, aínda que a competición terá seguro un impacto económico e turístico, o principal obxectivo deste evento deportivo é visibilizar o balonmán en cadeira de rodas. Ademais, mostrou o seu agradecemento ás organizacións que impulsaron o torneo e especialmente a Lorenzo E.Edjang como veciño e promotor. Afirmou que o Concello “quere ser unha entidade activamente comprometida en iniciativas de impacto social que promoven valores de igualdade e accesibilidade”.

Participarán un total de 48 xogadores divididos en 4 equipos de Madrid, Valladolid, Zaragoza e A Coruña. O primeiro partido disputarase ás 10.00 horas entre ICB Coruña vs BM Parla. A continuación, ás 11.00 horas INCLUSPORT CYL vs BM Dominicos e ás 12.20 hroas BM Dominicos vs ICB Coruña. Xa ás 14.10 horas INCLUSPORT CYL vs BM Parla, ás 15.30 horas BM Parla vs BM Dominicos e para terminar ás 16.30 horas ICB Coruña vs INCLUSPORT CYL.