Curtis acolle a IV Feira-Exposición de Playmobil con escenas centradas na Reserva da Biosfera

ACoruñaXa
O evento celebrarase do 1 ao 3 de novembro no Recinto Feiral de Curtis, con entrada gratuíta e actividades para todos os públicos
playmobil curtis
27 Oct 2024

O Concello de Curtis volverá a converterse no epicentro da maxia e a fantasía coa celebración da IV Feira-Exposición de Playmobil, que terá lugar os días 1, 2 e 3 de novembro no Recinto Feiral de Curtis. A presentación oficial deste evento será o 29 de outubro ás 13:00 horas no mesmo recinto.

O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, revelou que esta nova edición traerá importantes novidades, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo, co obxectivo de reforzar a conciencia ambiental a través do lúdico universo Playmobil.

Baixo o lema "Recreando a Biosfera", os asistentes poderán mergullarse en distintas recreacións en miniatura que mostrarán a beleza e a importancia de preservar os espazos naturais e culturais da zona. A feira é unha oportunidade ideal para que familias e visitantes de todas as idades disfruten dunha experiencia única e educativa.

Durante os tres días de exposición, as persoas que acudan poderán ver detalladas escenas de Playmobil, participar en actividades interactivas e gozar dun evento que combina a diversión co coñecemento sobre a biodiversidade e a protección ambiental.

A entrada é gratuíta e o programa completo do evento estará dispoñible en turismo.marinasbetanzos.gal, onde se incluirán máis detalles sobre as actividades paralelas e exposicións que acompañarán a esta cita ineludible.

Esta feira, xa consolidada no calendario cultural da comarca, espera atraer a centos de visitantes e seguir promovendo valores de respecto pola natureza a través dun formato lúdico e visualmente impactante.

0.16798090934753