Culleredo reúne máis de 600 persoas na V Carreira e Andaina Solidaria polo Párkinson

ACoruñaXa
O Paseo do Burgo acolleu a xornada deportiva, organizada pola Asociación Párkinson Galicia-Coruña coa colaboración do Concello e Castelo Deporte, no marco do 30 aniversario da entidade
culleredo-andaina-e-carreira-parkingson
18 Oct 2026

Máis de 600 persoas, entre participantes, organización e voluntariado, déronse cita esta mañá no Paseo do Burgo para participar na V Carreira e Andaina Solidaria polo Párkinson. A iniciativa, xa consolidada no municipio, estivo organizada pola Asociación Párkinson Galicia-Coruña coa colaboración do Concello de Culleredo e Castelo Deporte, nunha edición especial que conmemora o 30 aniversario da entidade baixo o lema «30 anos en movemento».

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destacou tras a entrega de trofeos o éxito de participación e puxo en valor os principios asociados ao deporte, como o esforzo e o compañeirismo, unidos nesta ocasión ao carácter solidario da proba. Rioboo agradeceu a implicación da cidadanía e salientou que Culleredo volve demostrar o seu compromiso cunha causa fundamental como é dar visibilidade ao párkinson e apoiar as persoas que conviven coa enfermidade.

A saída da carreira competitiva de 10 quilómetros tivo lugar ás 10.30 horas. Na categoría masculina, Junior Javier Vázquez Grela acadou a primeira posición, seguido de Pablo Fernández Roca, segundo, e Iván López González, da Asociación Galega de Policía (AGAPOL), terceiro.

Na categoría feminina, Lucía Vázquez Sánchez, do Global Sport Club, proclamouse vencedora. Alba Gómez Rodríguez ocupou o segundo posto e Andrea Alfonso Acuña completou o podio na terceira posición.

De xeito paralelo, desenvolveuse a andaina solidaria de catro quilómetros, que permitiu a participación de persoas de todas as idades. Nun ambiente festivo e sen a presión do cronómetro, familias e grupos de amizades compartiron o percorrido para apoiar a causa.

O presidente da Asociación Párkinson Galicia-Coruña, Antonio Ferreiro, agradeceu a resposta da cidadanía e as condicións meteorolóxicas favorables que acompañaron a xornada. Ademais, lembrou que os fondos recadados a través das inscricións e do denominado «dorsal cero» permitirán á entidade continuar prestando servizos ás persoas con párkinson e parkinsonismos e ás súas familias.

0.11019086837769