Culleredo reparte 200.000 euros en subvencións para apoiar a actividade dos clubs deportivos

O Concello de Culleredo aprobou a concesión de 200.000 euros en axudas dirixidas a entidades deportivas do municipio, unha convocatoria que se tramitou ‘no mínimo prazo materialmente posible’ e cumprindo os procedementos legais establecidos.
O expediente foi avanzando por fases desde finais de outubro. As bases aprobáronse o 27 de outubro e o anuncio publicouse no BOP o 3 de novembro. O prazo para presentar solicitudes pechou o 25 de novembro, con 22 peticións rexistradas. Posteriormente, o 1 de decembro nomeouse a Comisión de Avaliación e requiriuse a corrección de erros a tres entidades. A proposta provisional de concesión formulouse o 16 de decembro, abrindo un período de alegacións que rematou o 9 de xaneiro, no que se recibiu e resolveu unha alegación. A proposta definitiva quedou pechada o 12 de xaneiro.
Ademais das subvencións, o Concello lembra que o pleno aprobou o 30 de decembro un plan de melloras en infraestruturas deportivas presentado polo executivo municipal en función das necesidades trasladadas polos clubs. A iniciativa saíu adiante tras resolver unha alegación.
O goberno municipal insiste en que manterá as liñas de apoio ao deporte local, tanto mediante subvencións como a través de investimentos en instalacións.