Culleredo renovará a iluminación do campo de fútbol da Lavandeira cun investimento de 48.365 euros

O Concello de Culleredo modernizará durante o mes de novembro o sistema de iluminación do campo de fútbol do Burgo, coñecido como A Lavandeira, cun investimento de 48.365 euros. Os traballos permitirán substituír os focos actuais e mellorar a seguridade da instalación eléctrica.
O proxecto contempla retirar os 24 focos antigos e instalar 16 novos proxectores LED, renovar os soportes das catro torres de iluminación, acondicionar os cadros eléctricos e substituír 255 metros de cableado soterrado. Segundo explicou o alcalde, José Ramón Rioboo, a intervención busca mellorar a visibilidade durante os adestramentos e partidos, ademais de reducir o consumo enerxético.
Esta obra forma parte do plan municipal de infraestruturas deportivas, financiado con cargo ao superávit de tesouraría e que inclúe un total de 17 actuacións. Na Lavandeira tamén está prevista a reforma integral dos vestiarios, cun orzamento de 179.987,50 euros, así como a renovación das redes perimetrais e das porterías dos campos municipais.
O plan inclúe ademais a renovación integral do campo do Carrizo, no Portádego, con melloras no terreo de xogo, na iluminación, no rego e no equipamento. En Rutis instalarase céspede de última xeración e en Tarrío reformaranse os vestiarios.