Culleredo remite ao Consello de Contas un expediente de crédito tras un pleno extraordinario deste mércores

ACoruñaXa
O alcalde José Ramón Rioboo responde as críticas da oposición sobre os atrasos nos pagos a provedores e defende a legalidade do proceso de aprobación
Imaxe do pleno de Culleredo 16 de octubre 2024
17 Out 2024

O Concello de Culleredo remitiu ao Consello de Contas o expediente de crédito aprobado en agosto de 2024, tras un pleno extraordinario celebrado onte a petición do Partido Popular. Este expediente, valorado en 499.283,08 euros, estaba destinado a cubrir facturas pendentes do ano anterior en áreas como cultura, educación, deporte e festas. O pleno xerou un tenso debate entre o goberno local e a oposición, que xa rexeitara o suplemento en decembro de 2023, provocando unha demora no pago aos provedores.

O alcalde, José Ramón Rioboo, cargou contra o PP, cualificando o pleno de "farsa" e acusando ao grupo popular de ser os responsables do atraso. "Deberían pensar máis no ben común e non nas súas ambicións políticas. O seu voto en contra o pasado decembro é o culpable de que os provedores non cobrasen antes", declarou Rioboo.

O rexedor explicou que os gastos incluídos no expediente responden a necesidades reais do Concello, principalmente mediante contratos menores, unha figura totalmente legal segundo a normativa vixente. Rioboo detallou que a demora se debeu a un cambio de criterio da interventora que estivo en funcións o ano pasado, quen aplicou unha normativa diferente á habitual. Este cambio obrigou a emitir reparos que debían ser levantados polo pleno, algo que non sucedeu en decembro de 2023.

A concelleira de Facenda, Marta Iglesias, reforzou a postura do goberno local ao ler o informe do interventor, que confirmaba que non se detectou ningunha infracción administrativa no proceso. "Non hai ningunha irregularidade nos expedientes e os reparos foron debidamente xustificados", indicou Iglesias.

O pleno acordou remitir o expediente ao Consello de Contas para a súa revisión, aínda que Rioboo matizou que isto xa se fai de maneira habitual. Finalmente, o expediente foi aprobado grazas aos votos da oposición, mentres que o goberno local abstívose, confiando en que se trate dun intento do PP por "tapar a súa responsabilidade no atraso dos pagos".

Os gastos incluídos no expediente foron utilizados para o mantemento de instalacións deportivas, colexios, festas patronais e actividades culturais, incluíndo actuacións musicais e representacións teatrais.

0.18971705436707