Culleredo recibe esta semana a campaña de doazón de sangue con tres puntos de extracción

Culleredo volverá participar na campaña estival de doazón de sangue 'Un alento de vida', promovida pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), coa instalación dunha unidade móbil en tres puntos do municipio ao longo deste mes de xullo.
A primeira xornada terá lugar este martes 7 de xullo, diante da Casa do Concello, entre as 15.45 e as 21.00 horas. Ao día seguinte, mércores 8, a unidade desprazarase á Praza de Europa, no Burgo, onde atenderá aos doantes de 9.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 21.00 horas. A campaña concluirá en Culleredo o mércores 15 de xullo, xunto ao quiosco de Fonteculler, en horario de 16.00 a 21.00 horas.
A iniciativa forma parte da campaña de verán de ADOS, que percorrerá preto de 170 concellos galegos co obxectivo de conseguir arredor de 22.000 doazóns durante os meses estivais. A Axencia lembra que os hospitais galegos precisan unhas 400 doazóns diarias para garantir o abastecemento de sangue, unha necesidade que se mantén tamén no verán, cando adoita diminuír a participación dos doantes habituais.
Segundo os datos facilitados por ADOS, durante 2025 rexistráronse en Culleredo un total de 849 doazóns, o que supón unha taxa de 27 doazóns por cada 1.000 habitantes. Esta cifra sitúase por debaixo da media galega, establecida en 39 doazóns por cada 1.000 habitantes, polo que a campaña busca incrementar progresivamente a participación da veciñanza.
Desde ADOS lembran que poden doar sangue todas as persoas maiores de 18 anos, cun peso superior aos 50 quilos e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A entidade anima á cidadanía a aproveitar a presenza da unidade móbil e facer un xesto solidario que pode resultar esencial para o tratamento de numerosos pacientes.