Culleredo prioriza a atención psicosocial á infancia cun investimento de 146.000 euros
O Concello de Culleredo destinará 146.538,72 euros do Plan Provincial da Deputación da Coruña ao programa SEDAF infancia, un servizo municipal que presta atención psicosocial e educativa a familias con fillos menores ao seu cargo. Esta iniciativa está enfocada nos colectivos máis vulnerables do municipio, garantindo intervencións directas e seguimentos específicos desde os Servizos Sociais.
O goberno local cualificou como "preocupantes e propias doutros tempos" as declaracións do PP de Culleredo, que criticaron o uso destes fondos. O Concello defendeu que o 100% do financiamento provincial está destinado á atención á infancia e lamentou que o partido da oposición non valore a relevancia deste servizo.
Grazas a esta partida económica, manterase a contratación dunha traballadora social, unha educadora social e unha auxiliar administrativa para o programa. Ademais, renovaranse os equipos informáticos, incluíndo ordenadores, tablets e escáneres, co obxectivo de adaptarse aos novos sistemas de xestión municipal.
Desde o goberno local apuntan que as críticas do PP evidencian un descoñecemento das bases do Plan Provincial, que estipula o uso dos fondos tanto para gasto corrente como para investimentos, o que foi cumprido en base aos informes das traballadoras de Servizos Sociais.