Culleredo porá en marcha en Vilaboa un novo servizo de atención temperá para nenos de 0 a 6 anos

ACoruñaXa
O Concello abrirá nas vindeiras semanas esta prestación social nun local municipal da rúa Domingo Sierra, xunto a Servizos Sociais, financiada con 108.771,56 euros de fondos europeos e xestionada a través de COGAMI
Casa do Concello de Culleredo
17 Jan 2026

O Concello de Culleredo incorporará nas vindeiras semanas unha nova prestación social dirixida á infancia: o servizo municipal de atención temperá, orientado a nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou risco de padecelos, co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades, sexan transitorias ou permanentes.

A atención prestarase en Vilaboa, no local municipal situado na rúa Domingo Sierra, ao carón da oficina do departamento de Servizos Sociais. O Concello desenvolverá o servizo a través da entidade social COGAMI, que conta con experiencia previa en concellos da contorna.

A posta en marcha será posible grazas ao financiamento acadado polo goberno local no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, impulsado pola Consellería de Política Social para integrar este tipo de recursos na rede autonómica. En concreto, Culleredo obtivo 108.771,56 euros para activar a unidade.

A concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, sinala que a iniciativa nace co propósito de ofrecer 'un servizo fundamental para moitas familias con estas necesidades' e destaca que a nova prestación busca favorecer a autonomía persoal e a inclusión social dos máis pequenos.

O acceso aos usuarios realizarase principalmente mediante derivación desde os Servizos Sociais, en función da valoración e das necesidades que determinen os técnicos. O programa incluirá atención individualizada en áreas como logopedia, terapia ocupacional e psicoloxía, nunha etapa clave para o desenvolvemento psicomotriz e a integración no seu entorno.

⚙ Configurar cookies
0.086591958999634