Culleredo pon en marcha un punto violeta nas festas de Vilaboa
O Concello de Culleredo instala un punto violeta nas festas de Vilaboa como medida para a atención ante posibles casos de agresións sexistas. O espazo funcionará hoxe na verbena que se prevé máis multitudinaria dos festexos, coa esperada asistencia de miles de persoas.
O punto violeta consistirá nunha carpa que será atendida por dúas persoas profesionais especialistas en xénero, unha delas psicóloga. Estará instalada xunto ás carpas dos servizos sanitarios e funcionará de 23.00 a 3.00 horas.
Neste punto, as vítimas poderán recibir información e acompañamento no caso de precisalo. Será un punto seguro, un lugar ao que acudir ante posibles situacións de agresións. As profesionais contan cun protocolo de coordinación coas forzas de seguridade e sanitarias e co CIM do Concello nos supostos que así o requiran.
No espazo ofrecerase tamén ás persoas usuarias toda a información sobre os recursos ao seu alcance neste ámbito e exerce ademais de factor sensibilizador na sociedade sobre a necesidade de erradicar as violencias sexistas.
Nas vindeiras festas patronais do Burgo, que serán do 23 ao 28 de xullo, sendo unhas das que maior afluencia de público teñen a nivel Galicia, o goberno municipal instalará tamén o punto violeta.
Os puntos violetas son unha medida para combater as violencias machistas e todo tipo de agresións por razón de xénero. O Concello de Culleredo quere que as festas sexan espazos de desfrute para todas e todos, primando a igualdade e o respecto.