Culleredo perfila os investimentos nas parroquias para presentar o orzamento

ACoruñaXa
O goberno local recolleu peticións das asociacións e da veciñanza e reunirase coa oposición de cara a levalos a pleno
reunion-presupuestos-culleredo
6 Jun 2026

O Concello de Culleredo ultima a súa proposta de orzamentos municipais para levala a pleno. O capítulo de investimentos é o que centra esta última fase da elaboración do documento, toda vez que os gastos en bens e servizos responden principalmente a un criterio técnico con menor marxe de manobra.

Os investimentos contarán con actuacións en todas as parroquias do municipio, avanza o goberno local. Neste apartado incluiranse obras que impulsarán un avance en seguridade viaria, renovación urbana e equipamentos, tres piares das intervencións que o equipo de goberno foi incorporando en moitos dos proxectos dos que xa dispón.

Ademais das súas iniciativas, o orzamento destinará partidas para as peticións transmitidas polas asociacións nas reunións que están a manter co alcalde, José Ramón Rioboo. A mellora da rede viaria, a dotación de espazos públicos ou a ampliación de servizos centran as propostas veciñais.

O goberno local tamén abriu a confección dos orzamentos ás ideas dos grupos que conforman a oposición. Un deles xa remitiu suxestións, cuestión que aínda poderán facer nos vindeiros días. Posteriormente, convocarase unha reunión con todos os grupos para abordar a proposta de forma previa a levala a pleno.

A incorporación da interventora titular ao seu posto aliviou a saturación que padecía a área de Economía do Concello, propiciando así completar a proposta de orzamentos. Aínda que o prazo se alongou máis do desexado, a súa aprobación permitiría a realización de actuacións moi agardadas polas asociacións e pola cidadanía.

Por iso, o goberno local aposta por un entendemento que deixe a un lado as disputas políticas e dea luz verde a un documento orzamentario de interese xeral para Culleredo.

0.10158014297485