Culleredo pedirá unha subvención á Deputación para o mantemento do Centro Ocupacional Municipal ‘A Escada’
O Concello de Culleredo celebrou na tarde de onte a sesión ordinaria do pleno da corporación correspondente ao mes de maio, con varios puntos na orde do día. Neste sentido, aprobouse a solicitude dunha subvención nominativa á Deputación da Coruña para o mantemento do edificio e reserva de 5 prazas do Centro Ocupacional Municipal ‘A Escada’.
O convenio coa administración provincial vén acordando nos últimos anos, o que supón unha inxección de 70.000 euros para financiar o centro municipal, destinado a persoas con diversidade funcional intelectual. Coa reserva das cinco prazas propíciase o acceso a outros usuarios da provincia.
Este punto saíu adiante coa unanimidade das forzas que integran a corporación cullerdense.
Solidariedade con Palestina
Ademais, saíu adiante a moción elevada desde o Fondo Galego de Cooperación, e presentada no pleno polo goberno local, en solidariedade co pobo palestino. O alcalde, José Ramón Rioboo, apelou ao consenso do texto, procedente dunha entidade participada por Concellos de todos os coloeres, pero non puido facerse institucional ao mostrar o PP a súa discrepancia.
A moción contou cos votos favorables do PSOE, BNG e Alternativa e as abstencións do Partido Popular.
O grupo municipal do Partido Popular presentou unha moción para unha modificación parcial da ordenanza fiscal número 3, reguladora do imposto sobre o incremento de valor de bens de natureza urbana. O PSOE, BNG e Alternativa elevaron emendas ao texto da formación popular, que as aceptou. Desta forma, incoarase expediente para analizar a aplicación de bonificacións na ordenanza, decisión tomada por unanimidade.
Ademais, o grupo municipal de Alternativa dúas Veciños presentou unha moción para crear, dentro do programa da concellería de Educación “EducaCulleredo” dun subprograma ou proxecto chamado “Educa en Valores”. Foi aprobada por unanimidade.
Aprobada a proposta do BNG de presentar contencioso ante o decreto da pegada sonora do aeroporto
O BNG conseguíu que o Concello de Culleredo presente recurso Contencioso-Administrativo como resposta á “pegada sonora” do aeroporto (Real Decreto 359/2024, de 2 de abril, por el que se aprueban las servidumbres aeronáuticas acústicas, el mapa de ruido y el plan de acción del aeropuerto de A Coruña), tal e como propoñía na moción presentada a pleno, para defender os intereses da veciñanza.
O acordo tamén propón que ten que ser convocada a Comisión Especial do Aeroporto antes do remate do prazo de presentación do recurso Contencioso-Administrativo para dar conta aos seus integrantes do traballo feito e das súas conclusións. O prazo para o recurso remata o 20 de xuño de 2024 (dous meses desde a publicación) e a lexislación obriga a que as consecuencias reais do decreto se plasmen no Planeamento Urbanístico de Culleredo, polo que o concello debería ser o primeiro interesado en actuar.
O documento de afección sonora do aeroporto foi publicado no BOE o pasado 20 de abril e, a pesar de que o goberno municipal anunciou xuntanzas con afectados, polo de agora non hai novas nese sentido. O tempo apremia e urxe actuar para non deixar desamparadas ás persoas afectadas. Tampouco se aclara que se teñan respondido as alegacións, e non nos consta que foran contestadas.
A día de hoxe segue existindo unha gran confusión e notable descoñecemento arredor da afectación de ámbito urbanístico e das posibles consecuencias a nivel patrimonial. Os propietarios non saben como afectará o novo documento de afección sonora ao valor dos inmobles ou se serán posibles certas actuacións futuras. Por exemplo, falta coñecemento sobre a posibilidade de tramitar compensacións ou solicitar medidas de insonorización.
A concelleira de Urbanismo, Marta Iglesias, explicou a reunión mantida a semana pasada coa Plataforma de Afectados polo Aeroporto na que se acordou estudar a viabilidade e procedencia de presentar o contencioso.
A edila optaba por variar o texto para convocar de inmediato a Comisión Especial do Aeroporto e decidir nela o recurso, pero o BNG apostou por que se abra primeiro o expediente co informe e logo convocala, o que a demorará un pouco. A moción foi aprobada por unanimidade.