Culleredo organiza unha excursión a Allariz o sábado 30 de novembro
O Concello de Culleredo organiza unha excursión a Allariz para o próximo 30 de novembro, ofertando un total de 100 prazas dispoñibles. O prazo de preinscrición abrirase o mércores 13 de novembro e pecharase o venres 22 de novembro. A reserva pode realizarse de xeito presencial na segunda planta do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo ou chamando aos teléfonos 981 66 55 97 e 649 40 76 04 en horario de 9:00 a 13:30 horas.
Para formalizar a inscrición, será necesario realizar o pago do transporte antes do 22 de novembro para persoas empadroadas en Culleredo e do 26 de novembro para aquelas que non o estean, se aínda quedan prazas dispoñibles. As persoas asistentes deberán abonar 28 euros pola comida, a ruta polo pobo e a sesión de baile, importe que se entregará á guía o propio día da excursión. O xantar, que terá lugar no restaurante A Carballeira en Ourense, incluirá tallaríns á carbonara, redondo de tenreira con patacas, sobremesa, bebida e café.
O custo do transporte será de 10 euros con desconto (para empadroados en Culleredo con carné do Club +65, voluntarios, familias numerosas, persoas desempregadas no SEPE e persoas con certificado de discapacidade) ou 13 euros para o resto de participantes. O pago realizarase mediante ingreso na conta bancaria do Concello, e deberá entregarse o xustificante de pago de xeito presencial no Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo.
Os autobuses sairán de Castelo e Boedo ás 8:00 da mañá, realizando paradas en Vinxeira, Celas, Peiro, Ledoño, Bregua, Orro, Casal, Sueiro, Tarrío, Liñares, Alvedro, Vilaboa, A Corveira, Fonteculler e O Burgo.