Culleredo oferta esta semana unha ampla variedade cultural con teatro, contacontos e un documental

ACoruñaXa
O Concello organiza eventos para todas as idades, con entrada libre e sen necesidade de reserva previa.
Imaxe dunha obra de teatro en Culleredo
4 Nov 2024

O Concello de Culleredo continúa a súa aposta pola cultura cunha programación diversa e accesible que inclúe teatro, contacontos e un documental para desfrutar ao longo da semana. As actividades están deseñadas para todas as idades e contarán con entrada libre ata completar aforo, sen precisar reserva previa.

O xoves 7 de novembro, os máis pequenos terán o seu espazo co contacontos ‘Os contos da dragona Ramona’, pensado para nenos a partir dos 3 anos. Este evento realizarase na biblioteca González Garcés de O Burgo ás 17:30 horas.

O venres 8 de novembro, a programación continúa con dúas citas destacadas: a primeira, ás 19:30 horas, será a proxección do documental ‘Bravú XXX’ na Sala de Vídeo do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo. Esta obra de Nós Televisión, coa participación de Xurxo Souto, conmemora o movemento bravú desde a súa orixe e a súa influencia na nosa historia musical. A xornada rematará cunha proposta teatral ás 20:30 horas no Auditorio do mesmo edificio, coa obra ‘O misterioso cabaré do Sr. Pilgrim’. Esta iniciativa de DiversidArte ten como obxectivo fomentar a inclusión social e está dirixida a un público maior de 13 anos.

Para pechar a semana cultural, o sábado 9 de novembro celebrarase a terceira función do Ciclo de Teatro Amador ‘III Cita’, coa obra ‘Pluto: Deus da riqueza’, interpretada pola compañía Teatro Kumen de Asturias. A representación terá lugar no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo ás 20:30 horas.

 

0.19933795928955