O Concello de Culleredo anunciou unha intervención integral no núcleo de Toroño para mellorar os servizos de saneamento e a rede viaria. A actuación, que contará cunha inversión superior aos 150.000 euros, responde ás demandas dos veciños da zona, que presentaron un escrito apoiado con sinaturas para solicitar melloras nas rúas Picoto e Toroño.
O proxecto contempla a instalación de novos colectores e acometidas necesarias, así como o asfaltado completo das vías, que se foron deteriorando co paso do tempo. Os servizos técnicos municipais xa están traballando na elaboración dos proxectos, que darán prioridade ás prestacións básicas da zona.
O concelleiro de Obras, Carlos Liñares, destacou a importancia de atender as necesidades reais da veciñanza e agradeceu a súa colaboración. "Agradecemos aos veciños e veciñas que nos transmitiron as súas necesidades, porque deste xeito a actuación municipal axustarase ao máximo ás súas demandas", sinalou.
O equipo de goberno local subliña que a renovación dos servizos básicos en diferentes puntos do municipio é unha prioridade, aínda que lamenta que en ocasións as actuacións se vexan ralentizadas pola situación de goberno en minoría. No caso de Toroño, o Concello adoptará medidas provisionais se é preciso, mentres non se executen os traballos definitivos, garantindo un asfaltado integral unha vez completado o proxecto.