Culleredo mellorará a accesibilidade no Monte Alfeirán cunha inversión de case medio millón de euros

ACoruñaXa
O proxecto céntrase na mellora da seguridade viaria e a creación de itinerarios peonís seguros nunha zona residencial con rúas estreitas
Imaxe do Monte Alfeirán en Culleredo
20 sep 2024

O Concello de Culleredo ven de sacar a licitación as obras de mellora da accesibilidade e seguridade viaria no Monte Alfeirán, unha zona residencial caracterizada por rúas estreitas e sen beirarrúas, que dificultan a mobilidade tanto de vehículos como de peóns. O proxecto conta cun orzamento de 498.465,76 euros, cofinanciado pola Deputación da Coruña, e está incluído no Plan Adicional da institución provincial.

O obxectivo principal desta intervención é incrementar a seguridade viaria, adaptando os espazos para garantir a convivencia entre vehículos e peóns. Entre as medidas contempladas atópanse a creación de itinerarios peonís seguros, a mellora da sinalización horizontal e vertical, así como a regulación do aparcamento nas rúas máis problemáticas. As obras realizaranse nas vías Manuel Murguía, Pardo Bazán, Otero Pedraio, Eduardo Pondal, Benito Vicetto, Ramón Maseda Reinante, Xosé Neira Vilas, Castelao, Rosalía de Castro, Pintor Francisco Llorens e Pintor Laxeiro.

Debido á configuración das rúas, que en moitos casos non superan os 6 metros de ancho, decidiuse establecer carrís de 2,5 metros para a circulación de vehículos, deixando o espazo restante para o tránsito peonil mediante un arcén transitable en lugar das tradicionais beirarrúas. Así, o Concello busca mellorar a circulación sen comprometer a seguridade dos peóns. Ademais, instalaranse 16 novos pasos de peóns con lombo de burro para reforzar a seguridade.

A pesar das reunións mantidas cos veciños, a proposta de establecer sentido único en algunhas rúas foi rexeitada, xa que implicaría un aumento no tempo de desprazamento para algúns residentes. Coa licitación destas obras, o Concello de Culleredo avanza cara a unha solución efectiva para a mellora da mobilidade e a seguridade no Monte Alfeirán.

0.19275808334351