Culleredo limpa as faixas secundarias do Monte Costa e tramita expedientes de 20 parcelas privadas

O Concello de Culleredo está a realizar traballos de limpeza nas faixas secundarias do Monte Costa, en Tarrío, co obxectivo de previr incendios forestais. As actuacións consisten na limpeza destas zonas, aínda que queda pendente a contorna do castro, onde é necesario realizar un aproveitamento forestal.
Ademais, os servizos municipais teñen en trámite expedientes relativos a 20 parcelas privadas do Monte Costa. Nalgunhas xa se completou a execución subsidiaria para retirar a biomasa vexetal ante o incumprimento dos propietarios, mentres que noutras actuacións aínda están pendentes.
Os veciños reclaman máis prevención tras os incendios
Durante o pleno ordinario celebrado este martes, dous veciños de Cillobre trasladaron a súa preocupación polos incendios forestais rexistrados na zona. O último tivo lugar o pasado mes de setembro e, segundo apunta a investigación, tería a súa orixe nos lumes dunha festa.
O goberno municipal considera que estes sucesos deben servir para revisar os mecanismos de prevención, axilizar a limpeza das faixas de protección e impulsar actuacións coordinadas en todo o municipio. O Concello defende que a seguridade das persoas debe situarse por riba de calquera diferenza política e comprométese a analizar as preocupacións trasladadas polos veciños durante o pleno.
O Concello quere transmitir unha mensaxe de comprensión e responsabilidade. Considera que a preocupación de quen vive preto do monte e teme que un incendio poida alcanzar as súas vivendas é lexítima e merece unha resposta seria e coordinada por parte das administracións públicas.
«Non se trata de buscar culpables nin de trasladar responsabilidades dunha administración a outra. Trátase de aprender do sucedido, identificar en que podemos mellorar e poñer todos os medios ao noso alcance para reducir os riscos», sinala o goberno municipal.
Reclamación dunha maior colaboración coa Xunta
Neste sentido, o Concello considera necesario revisar as necesidades de prevención nas zonas de contacto entre os núcleos habitados e os espazos forestais, prestando especial atención ao estado das faixas de protección, á xestión da biomasa e ás dificultades para actuar sobre parcelas privadas.
A complexidade da propiedade do solo, a identificación dos titulares, os procedementos administrativos e os recursos necesarios para executar determinadas actuacións evidencian, segundo o goberno local, que os concellos precisan dunha maior colaboración técnica e material por parte da Xunta de Galicia.
Por iso, Culleredo considera prioritario reforzar os mecanismos de cooperación coa Administración autonómica para facilitar a identificación das parcelas, axilizar os procedementos ante o incumprimento das obrigas de xestión da biomasa e favorecer as intervencións preventivas nas contornas habitadas.
O Concello tamén lembra que a prevención require a implicación dos propietarios dos terreos, que teñen obrigas legais de mantemento nas zonas establecidas pola normativa. Así mesmo, considera fundamental reforzar a información e o acompañamento para facilitar o seu cumprimento.
O goberno municipal reitera a súa disposición a escoitar as demandas veciñais, estudar as cuestións expostas durante o pleno e ofrecer as respostas correspondentes, ao tempo que defende a necesidade de avanzar cara a unha prevención máis áxil, coordinada e eficaz.
Culleredo conta cun Plan municipal de prevención de incendios forestais, aprobado en pleno o 26 de setembro de 2023, e está adherido ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e a empresa pública Servizos Agrarios Galegos (SEAGA) en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, destinado a consolidar o sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.