Culleredo licita por 866.000 euros a fase final da humanización da avenida de Vilaboa

ACoruñaXa
A inversión total supera os 2,3 millóns de euros e prioriza a seguridade viaria, accesibilidade e servizos renovados
Imaxe da Av. de Vilaboa en Culleredo
29 Dec 2024

O Concello de Culleredo dá o paso definitivo para completar a humanización da avenida de Vilaboa, unha actuación clave para transformar esta arteria urbana. Hoxe publicouse a licitación da última fase das obras, que abarcará o tramo desde o paso sobre a AP-9 ata a intersección coa rúa Luis Seoane.

Con un orzamento de 866.679,25 euros, esta fase eleva a inversión total na humanización da avenida, desde a praza da Igrexa, a máis de 2,3 millóns de euros. A intervención ten como obxectivo consolidar unha avenida moderna e segura, deixando atrás o deseño da antiga Nacional 550.

“A nova Vilaboa é máis segura e está pensada para o día a día dos veciños”, sinalou o alcalde, José Ramón Rioboo. Entre as actuacións previstas, instalarase un novo pavimento tanto na calzada como nas beirarrúas, que serán ampliadas. Os accesos a garaxes contarán con baldosas reforzadas, e elevaranse dous pasos de peóns para garantir cruzamentos máis seguros.

A transformación tamén inclúe arborado, zonas axardinadas e mobiliario urbano como bancos de madeira e papeleiras. En termos de accesibilidade, habilitaranse prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida, con ramplas específicas e pavimentos podotáctiles nos vaos.

A iluminación pública será completamente renovada con tecnoloxía LED e sensores de presenza nos pasos de peóns. Tamén se modernizará a rede semafórica. A nivel de servizos, actualizarase a rede de recollida de augas pluviais e realizaranse arranxos na rede de fecais.

O alcalde destacou que os tramos xa executados son “un exemplo de transformación urbana”, e que esta última fase será “o colofón dunha obra que marca un antes e un despois para Vilaboa”.

0.16542410850525