Culleredo licita actuacións de mellora viaria en varias parroquias cun investimento de máis de 550.000 euros

ACoruñaXa
Os proxectos inclúen a renovación de 13 vías no rural e a reordenación do entorno da Casa do Concello en Tarrío
obras-mellora-rural-Culleredo
20 Jun 2026

O Concello de Culleredo sacou a licitación un conxunto de actuacións para a modernización viaria do municipio, centradas en varias parroquias do rural, cun investimento global de 551.009,17 euros cofinanciado pola Deputación da Coruña a través do Plan Único.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, explicou que o obxectivo destas intervencións é mellorar a seguridade e as condicións das vías atendendo ás necesidades trasladadas pola veciñanza.

O primeiro dos proxectos conta cun orzamento de 424.561,90 euros e permitirá a creación dunha conexión segura de norte a sur, desde Tarrío ata Celas, pasando por Sésamo e Sueiro. A actuación inclúe a renovación de 13 vías, entre elas As Reixas, Seara, Cillobre, Cangas, Cornedo, Campo da Fonte, Agra do Casal, Condes, a estrada de Casal a Goiente, o lugar de Barrio e o enlace coa AC-400 a través das vías VP-455 e VP-457.

As obras contemplan a mellora do pavimento e do drenaxe, a limpeza e adecuación de marxes, a instalación de sinalización vertical e horizontal, a colocación de redutores de velocidade e o recrecido de tapas, co fin de crear un itinerario seguro compartido entre tráfico rodado, peóns e ciclistas. O rexedor destacou que se aproveita a rede de camiños municipais para ofrecer alternativas máis seguras ás grandes vías de comunicación.

O segundo proxecto céntrase no entorno da Casa do Concello en Tarrío e conta cun orzamento de 126.447,27 euros. A intervención afecta ás rúas Constitución e Viouteiro, situadas nun ámbito residencial e de servizos no que se atopan a praza, o centro médico, o consistorio e a igrexa.

Segundo explicou Rioboo, o proxecto busca a renovación do pavimento e do mobiliario urbano, a mellora da seguridade viaria priorizando ao peón e a optimización das canalizacións de servizos municipais.

A actuación reorganizará o espazo público para dar maior protagonismo ao tránsito peonil, creando unha plataforma única de pedra e formigón desactivado que conectará co estilo da obra executada pola Deputación. Tamén se construirá unha nova beirarrúa na rúa Viouteiro, reducindo o desnivel existente a 3 centímetros para mellorar a accesibilidade.

Ademais, renovarase a rede de pluviais e o alumeado público, instalarase nova sinalización e mobiliario urbano, repondrase o peche do parque infantil e crearase unha zona verde con plantación de carballos.

O alcalde enmarcou estas actuacións dentro dunha estratexia global de reforma urbana en todas as parroquias e avanzou que novas intervencións continuarán en Tarrío para consolidar a transformación do centro municipal.

0.12346005439758