Culleredo leva a pleno un plan de obras de 1,3 millóns de euros con fondos provinciais e foco no rural

ACoruñaXa
As actuacións do POS+ priorizan a seguridade viaria en varias parroquias e inclúen tamén a reforma das prazas de Tierno Galván, na Acea de Ama
CULLEREDO tarrio
3 Feb 2026

O Concello de Culleredo someterá a votación este venres no pleno un plan de obras por importe de 1.328.559,59 euros que se financiaría con fondos provinciais a través do Plan Único de Concellos (POS+) da Deputación da Coruña. A proposta inclúe cinco actuacións e pon o acento na mellora da rede viaria no rural, atendendo (segundo o goberno local) a demandas veciñais e a obxectivos de seguridade e mobilidade.

A maior parte do investimento destinaríase á rehabilitación de firmes e pavimentos en distintos puntos do municipio. En concreto, o documento recolle actuacións nas rúas Eladio de la Iglesia, Pelamios e Silva, en Almeiras, por 285.390,26 euros; en O Tuto, Castro, Nabas e Cadaval, en Castro Laxe, por 122.896,98 euros; e en Fonte do Souto, Tarrío, Leonzas, Manuel Reboredo e vías adxacentes, en Tarrío, por 216.560,06 euros. Ademais, inclúese o acondicionamento da rúa Campo da Fonte, en Sésamo, cun orzamento de 208.187,97 euros.

O Concello sostén que estas intervencións buscan mellorar a mobilidade, a seguridade e o confort tanto para condutores como para peóns, ao tratarse de vías de acceso residencial e de conexión entre núcleos.

Xunto ás obras no viario rural, a proposta incorpora a reforma das prazas de Tierno Galván, na Acea de Ama, cun investimento previsto de 495.524,32 euros. O obxectivo é complementar a renovación integral das rúas da urbanización, unha actuación que (segundo o goberno municipal) comezará en breve cunha inversión próxima aos 700.000 euros, reforzando a mobilidade peonil na contorna.

Ademais do paquete de obras, a solicitude do POS+ inclúe 110.016,86 euros para cofinanciar gasto corrente municipal, elevando o total das axudas solicitadas a 1.438.576,45 euros. No Plan Complementario, o Concello tamén contempla modernizar a iluminación pública na N-550 ao seu paso por Alvedro, cunha actuación estimada en 371.991,96 euros.

O goberno local encadra esta proposta na planificación de remodelacións integrais do municipio e precisa que os proxectos seleccionados son os que encaixan nos requisitos do POS+, reservando outras actuacións para seren executadas con cargo aos 6,5 millóns de euros en fondos europeos concedidos para desenvolver o Plan EDIL.

⚙ Configurar cookies
0.078912973403931