Culleredo inviste 721.000 euros na renovación da rede viaria de Almeiras

O Concello de Culleredo impulsa unha investimento de 721.318,99 euros para renovar a rede viaria da parroquia de Almeiras. A actuación articúlase en tres proxectos que buscan mellorar as condicións de diferentes rúas, incrementar a seguridade viaria e renovar infraestruturas que presentan un deterioro acumulado co paso do tempo.
As actuacións están cofinanciadas pola Deputación da Coruña e responden, segundo explica o Concello, ás necesidades trasladadas pola asociación de veciños de Almeiras durante os encontros mantidos co tecido asociativo.
Renovación das rúas Catas, Pedruco e Arzobispo Xelmírez
O primeiro proxecto afectará ás rúas Catas, Pedruco e Arzobispo Xelmírez, cun orzamento de 240.453,06 euros.
Na rúa Catas darase continuidade á actuación realizada anteriormente con fondos EDUSI, que permitiu renovar a vía e adaptala ás características do Camiño Inglés. Agora completarase o tramo restante ata a intersección coa antiga N-550.
A actuación manterá o firme de cor ocre e dará prioridade aos peóns fronte ao tráfico rodado, cunha velocidade máxima permitida de 20 quilómetros por hora. Tamén se renovará a rede de iluminación pública.
Na rúa Pedruco actuarse nos primeiros 40 metros, mentres que a rúa Arzobispo Xelmírez será renovada na súa totalidade. En ambas vías instalarase unha nova rede de recollida de augas pluviais para solucionar os problemas de escorrentías que se producen actualmente na superficie.
Máis de 780 metros de calzada nas rúas Silva, Eladio de la Iglesia e Pelamios
O segundo proxecto contempla actuacións nas rúas Silva, Eladio de la Iglesia e Pelamios, cun investimento de 286.992,46 euros.
Neste caso, os traballos estarán centrados na rehabilitación dos firmes, que presentan deterioro polo paso do tempo, e na renovación da rede de abastecemento.
As intervencións abranguerán un total de 788 metros de calzada. Ademais, renovarase a sinalización horizontal e vertical destas vías para mellorar a seguridade e a organización do tráfico.
Plataforma única e iluminación LED na rúa Vigovidín
O terceiro proxecto desenvolverase na rúa Vigovidín e terá como obxectivo renovar o pavimento e reparar as redes de abastecemento, saneamento e recollida de augas pluviais.
A actuación incluirá tamén a instalación de iluminación LED de alto rendemento e a creación dunha plataforma única con prioridade peonil, buscando mellorar a seguridade nun contorno principalmente residencial.
Para o pavimento empregarase formigón, mantendo a uniformidade coa nova superficie da rúa San Xiao, renovada anteriormente nunha actuación da Deputación.
Unha actuación acordada coa veciñanza
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destacou que os proxectos dan resposta ás necesidades trasladadas pola asociación de veciños de Almeiras e agradeceu a súa implicación no proceso.
O rexedor sinalou que os encontros co tecido asociativo permiten converter as demandas veciñais en actuacións concretas e asegurou que a contratación de obra pública por parte do Concello se atopa 'en máximos'.
O Goberno municipal prevé continuar avanzando nas próximas semanas con novos proxectos de mellora e renovación de infraestruturas nas diferentes parroquias de Culleredo.