Culleredo inviste 145.000 euros na dixitalización dos Servizos Sociais e da área de Formación e Emprego

ACoruñaXa
O proxecto mellorará a xestión dos programas sociais e facilitará a inscrición en cursos e ofertas de emprego a través da web municipal, financiado cos fondos Next Generation
Casa do Concello de Culleredo
16 Xul 2024

O Concello de Culleredo desenvolverá unha ferramenta informática para lograr unha xestión máis eficaz centrada no usuario. Este proxecto permitirá un seguimento máis eficiente dos diferentes programas sociais, como as axudas ou a atención á dependencia, e integrarase coa web municipal para facilitar a xestión en liña dos cursos de formación e ofertas de traballo.

O proxecto acaba de ser licitado cun investimento total de 145.079 euros, financiados cos fondos Next Generation a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. As novas ferramentas permitirán a xestión integrada de cada usuario dos servizos, simplificando os procesos. Os traballos incluirán a migración da información das aplicacións actuais ás novas bases de datos, a formación, o soporte e mantemento, así como as licenzas de software e manuais de funcionamento.

A contratación está dividida en dous lotes. O primeiro lote, cun orzamento de 98.494 euros, consiste na dixitalización dos Servizos Sociais. Configurarase un expediente único no sistema, que inclúa a información da unidade de convivencia e os diferentes ámbitos de actuación e intervencións. Esta ferramenta permitirá ao persoal técnico acceder de forma eficiente ao historial de cada usuario, facilitando a coordinación entre todos os axentes implicados na prestación dos servizos.

A ferramenta contará con diversos módulos para a xestión de programas como as prestacións económicas de emerxencia social, as axudas municipais a escolares, a valoración de dependencia (incluíndo o servizo de comida a domicilio, a tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade ou a teleasistencia para persoas autónomas), a axuda no fogar, a intervención familiar, as accións socioeducativas inclusivas e a programación de citas de atención profesional. Ademais, integrarase co SIUSS da Xunta, o historial social único de Galicia e o Padrón municipal, podendo tamén conectarse con outros sistemas da Deputación, como a xestión tributaria ou a contabilidade.

O segundo lote, cun orzamento de 46.585 euros, refírese á área de Formación e Emprego. Este apartado integraráse coa web municipal para realizar procedementos como a inscrición en cursos de formación, actividades xuvenís ou de promoción económica. A plataforma permitirá definir sesións formativas en detalle, ofrecendo ao docente a posibilidade de realizar un seguimento dos cursos, control de asistencia e publicación de listas. No ámbito do emprego, as empresas poderán rexistrar ofertas de postos e realizar un seguimento das candidaturas.

Para a adxudicación dos contratos, teranse en conta o proxecto técnico, o plan de implantación e o prezo. O prazo de execución do proxecto será de tres meses unha vez formalizado o contrato.

 

 

0.14652299880981