Culleredo inviste 1.424.430,29 euros na rehabilitación da rúa Alexandre Bóveda

ACoruñaXa
A actuación municipal inclúe, ademais de rehabilitar a praza e o parque infantil, a renovación das rúas que a rodean, entre as que se atopa Alexandre Bóveda, na que se desenvolve principalmente esta fase
Imaxe das obras na rúa Alexandre Bóveda no Burgo (Culleredo)
26 Feb 2024

O Concello de Culleredo comezou este luns cunha nova fase das obras de reforma integral da praza de Galicia, no Burgo. A actuación municipal, que conta cun orzamento de 1.424.430,29 euros, inclúe, ademais de rehabilitar a praza, a renovación das rúas que a rodean, entre as que se atopa Alexandre Bóveda, na que se desenvolve principalmente esta fase. Debido ás obras o carril esquerdo permanecerá cortado ao tráfico.

Na praza xa se pode ver o novo parque infantil, as bancadas e urbanización xeral. Os operarios desenvolven a renovación das beirarrúas nesta vía e no tramo final da avenida de Galicia, o que obriga ao corte do carril esquerdo. O tráfico limítase ao dereito, debendo tomar a glorieta tamén para virar cara á devandita rúa.

As novas beirarrúas contarán con lousas en cor gris, seguindo a estética e materiais que está a empregar o Concello en todas as súas obras de humanización. Así mesmo levan a cabo traballos de impermeabilización nas mesmas.

Tamén se aproveitará para mellorar a accesibilidade na zona do cruceiro, onde existen desniveis, ramplas e escaleiras obsoletas. Así mesmo, renovarase a capa de asfalto do tramo de avenida. de Galicia, reparando primeiro as zonas danadas e aplicando 5 cms de novo acabado. E unificarase a cor dos farois existentes no ámbito.

 

 

0.18307995796204