Culleredo investirá máis de 256.000 euros na mellora dos accesos ao IES Eduardo Blanco Amor

ACoruñaXa
A actuación abrangue a rúa Condes de Andrade e o ramal de entrada ao centro educativo, con novas beirarrúas, pasos elevados e iluminación renovada
Culleredo CONDES-DE-ANDRADE-tramo-ya-hecho
14 Nov 2026

O Concello de Culleredo adxudicou por 256.461,16 euros un proxecto destinado a mellorar a mobilidade e reforzar a seguridade viaria nos accesos ao IES Eduardo Blanco Amor, situado no núcleo de Cordeda. A intervención, cofinanciada pola Deputación da Coruña a través do Plan Único, afectará tanto á rúa Condes de Andrade, que comunica Cordeda con Vilaboa, como ao ramal que dá entrada ao instituto.

O obxectivo principal dos traballos é garantir unhas condicións máis seguras para os peóns nunha contorna especialmente sensible pola presenza dun centro educativo. O alcalde, José Ramón Rioboo, explicou que a reforma pretende protexer os desprazamentos a pé e corrixir as deficiencias actuais, entre elas a existencia de tramos de beirarrúa con menos de dous metros de ancho. Ademais, o treito que ata agora só conta cun arcén transitable tamén disporá de beirarrúas. O proxecto contempla igualmente ampliar as dimensións das prazas reservadas ás persoas con mobilidade reducida.

A actuación incluirá a renovación do firme da calzada e a reparación das superficies das beirarrúas que presentan danos ou desniveis. Tamén se instalarán pasos de peóns elevados, acompañados de iluminación específica, co propósito de aumentar a visibilidade e reducir a velocidade dos vehículos.

A reforma incorporará, ademais, elementos de mellora urbana, como novo mobiliario, plantacións de árbores e arbustos e materiais resistentes que permitan combinar funcionalidade e estética. Segundo indicou Rioboo, a intervención seguirá a liña doutras actuacións de rexeneración urbana impulsadas polo goberno local en distintos puntos do municipio.

No apartado dos servizos, está prevista a modernización do alumeado público mediante tecnoloxía LED, así como a ampliación das redes de recollida de augas pluviais e de saneamento. A sinalización tamén será actualizada para advertir aos condutores de que se atopan nunha zona escolar.

Esta intervención dará continuidade á mellora realizada no tramo superior da rúa Condes de Andrade, na entrada ao parque da Laboral. A maiores, o Concello xa ten adxudicada a renovación da rúa Domingo Sierra, entre o cruzamento con Condes de Andrade e a praza da Igrexa de Vilaboa.

0.15328502655029