Culleredo iniciou o seu campamento de Nadal cheo de propostas educativas e de conciliación

ACoruñaXa
79 cativos participan en “Archeology Gate”, unha actividade chea de xogos e obradoiros temáticos
Culleredo campamento Nadal
24 Dec 2024

O Concello de Culleredo puxo en marcha hoxe o seu campamento de Nadal, unha iniciativa que ofrece unha alternativa de lecer educativo e facilita a conciliación familiar durante as vacacións escolares. Este ano, o programa conta con 79 participantes de entre 3 e 12 anos e desenvolverase ata o 7 de xaneiro, nos días laborables, en horario de 9:00 a 14:00 horas, con servizos complementarios de almorzo e comida.

Baixo o título “Archeology Gate”, o campamento propón unha experiencia fantástica a través de xogos e obradoiros que combinan educación e diversión. A primeira xornada contou coa visita do Apalpador, que interpretou o contacontos “O Apalpador conta con vós”, de Caxoto, no auditorio de Servizos Múltiples de O Burgo.

A concelleira de Cultura, Penélope López, deu a benvida aos pequenos e destacou que esta iniciativa busca “maximizar a atención ás familias ante as necesidades que xorden durante as vacacións escolares”.

Para facilitar a conciliación, o programa ofrece tamén horario ampliado, cun servizo de almorzo a partir das 7:30 horas e un servizo de comida ata as 16:00 horas, adaptándose ás necesidades das familias participantes.

0.1687479019165