Culleredo inicia a reforma integral da rúa Andrés Pan Vieiro cun investimento de 439.000 euros

O Concello de Culleredo vén de activar unha das principais actuacións previstas no seu plan de renovación urbana coa próxima posta en marcha da reforma integral da rúa Andrés Pan Vieiro, situada no núcleo de O Burgo.
A intervención foi adxudicada por 439.905,92 euros tras a reunión da mesa de contratación, sendo a empresa Citanias a que presentou a oferta máis vantaxosa. A execución dos traballos iniciarase unha vez completados os trámites administrativos necesarios.
O proxecto conta cun convenio de cofinanciamento entre o Concello e a Deputación da Coruña, tras o acordo alcanzado entre o alcalde, José Ramón Rioboo, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso. O organismo provincial achega 250.000 euros, mentres que o resto do investimento será asumido polas arcas municipais.
A rúa Andrés Pan Vieiro constitúe unha vía clave na estrutura urbana de O Burgo, ao conectar a avenida de Acea de Ama con Ribados e funcionar como itinerario peonil cara a equipamentos educativos, deportivos e culturais como o Conservatorio, o CEIP Isaac Díaz Pardo, o polideportivo ou o campo de fútbol.
Segundo explicou o alcalde, trátase dunha “reforma integral tanto funcional como estética”, que ten como prioridade reforzar a seguridade viaria e poñer o foco nas persoas peoas.
Entre as actuacións previstas inclúese a ampliación e mellora da iluminación nos pasos de peóns, dous dos cales serán elevados para incrementar a seguridade. Tamén se renovará por completo o pavimento das beirarrúas e da calzada, adaptándoo á normativa de accesibilidade.
No ámbito da mobilidade, reorganizaranse as prazas de estacionamento no lado dereito da vía, permitindo o aparcamento en batería en marcha atrás, e ampliarase o carril de circulación ata os 3,5 metros. Así mesmo, unificaranse os accesos aos garaxes para mellorar a fluidez do tráfico.
O proxecto incorpora tamén criterios de sustentabilidade no mobiliario urbano, que será renovado con materiais reciclados procedentes de plásticos e redes de pesca recuperadas a través de xestores autorizados de residuos mariños. Ademais, prevese a creación de novas zonas verdes e a plantación de árbores ao longo da rúa.
Na contorna do Conservatorio crearase un espazo humanizado específico, con pavimento de formigón elevado, iluminación reforzada, vexetación e novo mobiliario urbano.
Finalmente, renovarase o sistema de iluminación pública con tecnoloxía LED, reordenaranse os sumidoiros e mellorarase a rede de augas pluviais, conectando tamén as baixantes dos edificios próximos para optimizar a evacuación da auga.