Culleredo inaugura o XXIX Festival Internacional de Galicreques e anuncia novas funcións esta semana
O pasado venres 11 de outubro, o Concello de Culleredo deu comezo ao XXIX Festival Internacional de Galicreques coa obra Emotivas, a cargo da compañía Titiritres. O espectáculo, que tivo lugar no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, reuniu a decenas de asistentes, ofrecendo unha proposta familiar que foi moi ben acollida polo público.
As actividades do festival continuarán este venres 18 de outubro coa obra Dente de leite, da Fundación Titerefue e Titiritainas Teatro. A función será ás 19.30 horas no mesmo auditorio e está dirixida a un público familiar, a partir dos 4 anos. Todas as actuacións do festival son de acceso libre ata completar o aforo.
Ademais, o xoves 17 de outubro, a biblioteca Cardeso de Liñares, en Vilaboa, acollerá o contacontos Lili a lebre ladroa de libros, a cargo de Os Contos da Dragona Ramona. Este evento, que comezará ás 17.30 horas, está destinado a nenos e nenas a partir de 3 anos, tamén con entrada libre e sen necesidade de reserva previa.
Por outra banda, o Concello será escenario do rodaxe dun monólogo do humorista Manuel Manquiña o martes 15 de outubro. O monólogo, que forma parte do programa da TVG Acó, aló e acolá producido por Ézaro Films, abordará os dereitos dos animais. A gravación realizarase na Praza Europa de O Burgo a partir das 13.00 horas e estará aberta ao público sen necesidade de inscrición previa.