Culleredo inaugura o Ciclo de Teatro Amador coa obra ‘Escándalo’s Club’ este domingo

ACoruñaXa
O ciclo, que forma parte do programa Culleredo en Escena, ofrecerá unha obra semanal ata o 7 de decembro no Auditorio de O Burgo, co mellor teatro afeccionado de Galicia e Asturias
Culleredo comeza o Ciclo de Teatro Amador coa obra ‘Escándalo’s Club’
26 Out 2024

Este domingo, 27 de outubro, o Concello de Culleredo dará comezo ao ‘III Cita’, o Ciclo de Teatro Amador, coa representación da obra ‘Escándalo’s Club’, a cargo do grupo Esteta Teatro. Este evento cultural, organizado por Feteagal e Escena Amateur, en colaboración coa Deputación de A Coruña, traerá cada semana unha obra de teatro afeccionado ao municipio ata o 7 de decembro, sendo a primeira función a única que se realizará un domingo.

O programa, que forma parte da iniciativa municipal Culleredo en Escena, celebrarase no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo e incluirá un total de sete funcións que amosarán o talento de compañías galegas e asturianas. A primeira representación comezará ás 19:30 horas, mentres que o resto de obras serán ás 20:30 horas. Todas as funcións serán de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

‘Escándalo’s Club’, a obra que abrirá o ciclo, está a cargo da Escola de Teatro de Taboadela, de Ourense, que recentemente foi finalista no certame Xuventude Crea 2024, unha iniciativa destinada a promover o talento artístico da mocidade galega.

Durante as semanas seguintes, o ciclo presentará seis obras máis. O 2 de novembro o Grupo Selena representará ‘Los ángeles de Chari’; o 9 de novembro, Teatro Kumen interpretará ‘Pluto’; o 16 de novembro será o turno de Noite Bohemia coa obra ‘El perro del hortelano’; o 23 de novembro, Coles Teatro presentará ‘As cousas pasan’; o 30 de novembro, Delatoute traerá ‘Cuatro corazones con freno y marcha atrás’; e, finalmente, o 7 de decembro clausurarase o ciclo coa obra ‘¡Qué dos!’, representada por Allegro Teatro.

0.19089007377625