Culleredo impulsa unha nova edición da campaña ‘Reis Solidarios’ para que ningún neno quede sen xoguete este Nadal
O Concello de Culleredo, mediante a súa Oficina de Voluntariado e en colaboración coa organización ‘Reis Magos de Verdade’, pon en marcha un ano máis a campaña solidaria de Nadal Reis Solidarios, co obxectivo de que todos os nenos e nenas do municipio poidan recibir un agasallo nestas datas especiais. Baixo o lema Tócache a ti. Tócanos a tod@s, a iniciativa busca fomentar a colaboración cidadá e empresarial para garantir o éxito desta acción.
Os menores inscritos na campaña terán a oportunidade de redactar unha carta na que poderán incluír ata tres opcións de agasallos, cun prezo máximo de 35 euros por cada un. Entre eles, seleccionarase un presente para entregar, sempre respectando o límite acordado coas familias.
As persoas que desexen participar como ‘Reis Solidarios’ deberán inscribirse a través dun formulario dispoñible na páxina web municipal, onde poderán escoller o número de cartas que queren patrocinar. Unha vez adquiridos os xoguetes, entregaranse no Centro Municipal de Formación Pablo Picasso, identificando a campaña e o nome do doante.
O prazo para participar remata o 20 de decembro. Ademais, os mecenas poderán solicitar un “selo solidario” personalizado, no que se poderá engadir unha fotografía ou o logotipo da empresa, colectivo ou equipo deportivo que participe, dispoñible en formato físico ou dixital para compartir nas redes sociais.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Concello a través do número de Whatsapp 620 008 450 ou do correo electrónico omvol@culleredo.es.