Culleredo impulsa o Plan Xeral cunha Comisión Especial que aposta por retomar o proxecto actual
O Concello de Culleredo celebrou este mediodía unha Comisión Especial para avanzar na aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Na reunión, convocada polo alcalde José Ramón Rioboo, participaron a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, os catro grupos políticos da corporación, o equipo redactor, e técnicos municipais e da Xunta de Galicia.
A principal conclusión da Comisión foi a creación dunha mesa de traballo técnica que analizará as cuestións xurídicas e legais pendentes para continuar coa tramitación do planeamento. O obxectivo é aproveitar os avances realizados desde que se iniciou a redacción en 2008 e se aprobou inicialmente en 2013, evitando así os atrasos que suporía comezar o proceso dende cero.
Os técnicos presentes estimaron un prazo dun ano para poder aprobar o PXOM, sempre e cando se retomen os traballos a partir da proposta actual. Deberán revisar 52 informes sectoriais e verificar a viabilidade da súa ratificación coas adaptacións precisas conforme á lexislación vixente. En novembro celebrarase unha nova Comisión Especial na que se informará aos grupos políticos do avance e se recabará a súa vontade para seguir adiante co Plan Xeral.
O alcalde Rioboo expresou o seu agradecemento á directora xeral de Urbanismo e aos técnicos pola súa implicación, destacando a importancia de contar cun novo PXOM para garantir o desenvolvemento estratéxico de Culleredo, combinando os atractivos das zonas urbanas e rurais do municipio.