Culleredo impulsa o comercio local coa campaña de Nadal 'Rasca e Gaña'
O Concello de Culleredo lanza a súa campaña de apoio ao comercio local durante a tempada de Nadal coa tradicional iniciativa “Rasca e Gaña”. A campaña, que comeza este sábado e estará activa ata Reis, busca incentivar as compras nos máis de 200 establecementos adheridos no municipio.
O “Rasca e Gaña” ofrece premios instantáneos para os clientes, cun total de 2.574 premios dispoñibles. Entre os máis destacados inclúense unha televisión, catro smartphones, dúas tablets, dous robots de cociña, catro freidoras de aire, seis smartwatchs, catro pranchas de pelo e sete xogos de auriculares, ademais de agasallos como mochilas, libretas, huchas e chaveiros. Cada negocio adherido garantirá a entrega de premios aos seus clientes.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destacou que a finalidade da campaña é ofrecer un incentivo adicional para que a cidadanía aposte polo comercio local. “Queremos que descubran un comercio de gran calidade e variado, ao tempo que apoiamos aos autónomos e pequenas empresas que son esenciais para o emprego e o desenvolvemento económico,” afirmou o rexedor.
Ademais, o Concello organiza dúas iniciativas paralelas: o Concurso de Escaparatismo de Nadal, dirixido ao comercio, e o Concurso de Ambientación de Nadal para bares e restaurantes. Ambos premiarán a creatividade dos participantes mediante votación popular, na que quen colabore poderá gañar vales de compra no comercio local.
O programa complétase cunha ampla oferta de actividades de dinamización que serán anunciadas nos próximos días, consolidando Culleredo como un destino atractivo para as compras e o lecer durante o Nadal.