Culleredo esixe á Xunta que aclare os seus plans para as estradas AC-400 e AC-523

ACoruñaXa
O Concello reclama que a senda peonil da AC-400 cubra todo o trazado municipal e pide garantías sobre o futuro da glorieta de Ledoño
ac400
12 Sep 2026

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, solicitou á Consellería de Infraestruturas unha reunión urxente para coñecer con detalle os proxectos que o Goberno autonómico prevé executar nas estradas AC-400 e AC-523 ao seu paso polo municipio. O Concello reclama información ante as preocupacións trasladadas tanto pola veciñanza como polo propio executivo local sobre o futuro destas dúas vías de titularidade autonómica.

Un dos principais puntos de discrepancia está na senda peonil prevista na AC-400. Segundo a información difundida polo Goberno autonómico, o itinerario abranguería unicamente o tramo comprendido entre Vinseira Grande e Peiro de Arriba, deixando fóra o percorrido polas parroquias de Sésamo e Sueiro.

O goberno local considera insuficiente esta proposta e defende que a senda se prolongue polo 100% do trazado da AC-400 dentro do territorio de Culleredo, de maneira que todos os núcleos situados na contorna dispoñan desta infraestrutura.

O executivo municipal cargou ademais contra a portavoz do PP de Culleredo, á que acusa de quedar "totalmente en evidencia" por non explicar este extremo durante o pleno celebrado o xoves. O goberno local sostén que a popular actuou como "propagandista" do Goberno autonómico en lugar de defender os intereses da veciñanza.

As críticas prodúcense despois de que a portavoz popular comparecese xunto á conselleira de Infraestruturas para anunciar unha actuación na AC-400 poucos días antes da protesta veciñal convocada para o sábado. Desde o Concello interpretan este anuncio como un intento de desactivar as reivindicacións dos residentes.

A situación chegou tamén ao pleno municipal, onde os grupos, coa excepción do PP, reprobaron o que o goberno local cualifica como unha "deslealdade institucional" por parte do Executivo autonómico. O BNG anunciou o seu respaldo ao alcalde para defender os intereses municipais, mentres Rioboo criticou a "actitude de falta de respecto" que atribúe aos populares.

O Concello considera especialmente necesaria unha reunión técnica porque varias estradas municipais conflúen coa AC-400. Coñecer con precisión como se desenvolverá o proxecto autonómico permitiría coordinar e adaptar as intervencións municipais previstas nesta zona.

Outro dos asuntos sobre a mesa será a AC-523 ao seu paso por Ledoño. A proposta inicial contemplaba a eliminación da glorieta existente, unha posibilidade que xerou preocupación entre os residentes. Tras as demandas formuladas pola veciñanza e polo Concello, o goberno local quere que o Executivo autonómico confirme se finalmente descarta a súa supresión.

Culleredo tamén reclama coñecer as medidas de seguridade viaria previstas neste punto, que considera "imprescindibles para minimizar riscos para os viandantes".

Na carta remitida á Consellería, Rioboo apela á "coordinación institucional" como a fórmula máis eficaz para conseguir que os investimentos autonómicos respondan ás necesidades reais de mobilidade e seguridade. O rexedor considera que o resultado das actuacións dependerá dunha cooperación que permita incorporar solucións aos problemas cotiáns da veciñanza.

Por este motivo, o Concello reclama que se fixe canto antes unha data para celebrar o encontro técnico e institucional e avanzar nunha resposta ás demandas dos núcleos rurais afectados.

0.14950895309448