Culleredo destina preto de 500.000 euros á renovación das prazas de Tierno Galván

ACoruñaXa
O proxecto transformará máis de 2.130 metros cadrados en Acea de Ama con novos espazos verdes, zonas de sombra, iluminación LED e melloras de accesibilidade
CULLEREDO-tierno-galvan-recreacion-plazas-fase2
8 Aug 2026

O Concello de Culleredo continúa coa transformación urbana da contorna de Acea de Ama coa licitación da reforma das dúas prazas interiores da urbanización Tierno Galván. A intervención contará cun investimento de 495.524,32 euros, cofinanciado pola Deputación da Coruña, e permitirá renovar unha superficie superior aos 2.130 metros cadrados.

O proxecto busca modernizar estes espazos e convertelos en lugares máis accesibles, abertos e funcionais para o uso da veciñanza. O alcalde, José Ramón Rioboo, sinalou que un dos aspectos prioritarios será a eliminación das barreiras arquitectónicas e a mellora da mobilidade peonil.

Para conseguilo, retiraranse os actuais muros perimetrais e corrixiranse os desniveis existentes. As beirarrúas elevaranse ata quedar á mesma altura que os soportais dos edificios próximos, facilitando así os desprazamentos a pé por toda a contorna.

A renovación incluirá tamén un novo pavimento continuo de formigón semipulido. Nas zonas centrais das prazas incorporarase un deseño curvo con diferentes tonalidades que permitirá diferenciar visualmente os distintos usos previstos.

A vexetación terá un maior protagonismo na nova configuración. Instalaranse grandes pérgolas circulares de madeira laminada, que servirán de soporte para plantas gabeadoras e permitirán crear zonas de sombra e descanso. Tamén se habilitarán novos parterres e xardineiras, plantarase arborado de diversas especies e incorporaranse superficies de céspede natural. O seu mantemento facilitarase mediante unha nova rede automatizada de rega.

O mobiliario urbano substituirase por completo, coa colocación de novos bancos perimetrais, papeleiras e fontes de auga adaptadas á normativa de accesibilidade.

A actuación aproveitarase igualmente para renovar parte das instalacións municipais soterradas. Executaranse novos sistemas para a recollida das augas pluviais e intervirase en diferentes tramos da rede de saneamento e nas acometidas afectadas polas obras.

A iluminación será outro dos elementos que cambiará coa reforma. As dúas prazas disporán dun sistema LED de maior eficiencia enerxética, con columnas de cinco e oito metros equipadas con varios proxectores. Ademais, as pérgolas incorporarán tiras LED baixo as súas vigas curvas para conseguir unha iluminación máis uniforme.

Máis de 1,2 millóns para transformar Tierno Galván

A reforma das prazas forma parte dunha intervención máis ampla na urbanización Tierno Galván. O Concello ten tamén en proceso de adxudicación a renovación das rúas deste ámbito, polo que o investimento conxunto das dúas actuacións superará os 1,2 millóns de euros.

O obxectivo municipal é acometer unha transformación integral dunha das principais zonas residenciais de Acea de Ama, renovando infraestruturas deterioradas polo paso do tempo e introducindo melloras tanto nos servizos como na funcionalidade e na imaxe urbana.

Paralelamente, o Concello prepara novas licitacións para actuar noutros puntos do municipio atendendo ás demandas trasladadas pola veciñanza. En Almeiras e A Corveira están previstas diversas obras de rehabilitación do firme de varias rúas, mentres que en Fonteculler se contratará a reforma da súa avenida principal.

0.10879802703857