Culleredo destina máis de 800.000 euros á rexeneración urbana de Tierno Galván

ACoruñaXa
A intervención transformará esta zona residencial con espazos peonís, arborado e mellora dos servizos, e alcanzará 1,2 millóns de euros coa reforma das praza
Proxecto Tierno Galván en Culleredo
18 Dec 2024

O Concello de Culleredo publicou a licitación do proxecto de rexeneración urbana de Tierno Galván, unha das principais áreas residenciais do municipio. Cun orzamento de 816.363,22 euros, cofinanciado pola Deputación da Coruña, esta actuación é o primeiro paso na transformación integral de Acea de Ama, que se completará coa reforma das prazas, elevando o investimento total a 1,2 millóns de euros.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destacou que o proxecto busca mellorar a calidade de vida da veciñanza a través da humanización do espazo urbano, combinando melloras estéticas con novos servizos. Entre as actuacións previstas inclúense a renovación de pavimentos, a creación dunha plataforma peonil continua e a plantación de arborado e arbustos, ademais da instalación de mobiliario urbano.

O proxecto céntrase no fomento da mobilidade peonil e na accesibilidade. En zonas con beirarrúas estreitas ou inexistentes, ampliarase a plataforma peonil para conectar de forma segura Tierno Galván coa Avenida de Rutis e cos ámbitos da Universidade Laboral e o paseo fluvial. A intervención priorizará os peóns sobre o tráfico motorizado, limitando a velocidade a 30 km/h e promovendo a seguridade viaria.

Ademais, acometeranse melloras nos servizos básicos, como redes de saneamento e pluviais, e renovarase por completo a iluminación pública con tecnoloxía LED, optimizando a súa ubicación para dar uniformidade ao conxunto. Conservarase o número de prazas de estacionamento, pero serán redeseñadas para facilitar o aparcamento e mellorar a seguridade.

O prazo de execución das obras será de sete meses desde a sinatura do contrato coa adxudicataria. Esta iniciativa enmárcase na estratexia do goberno local de humanización das parroquias de Culleredo.

 

0.095874071121216