Culleredo despide a segunda edición do programa 'Cans e letras'

ACoruñaXa
O obxectivo principal é axudar a persoas con discapacidade intelectual a estimular as habilidades lectoras e melloras a nivel social
Imaxe das usuarios de 'A Escada' e a perrita Nala en Culleredo
27 Maio 2024

O programa 'Cans e letras' de READ España, financiado polo Ministerio de Cultura do Goberno de España e o Concello de Culleredo, dixo adeus ao curso por segundo ano consecutivo no que se desenvolveu con persoas usuarias do Centro Ocupacional Municipal ‘A Escada’.

O alcalde, José Ramón Rioboo; a primeira tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo; a concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa e a coordinadora do programa na Coruña, Laura González, entregaron os diplomas que acreditan a realización desta actividade na Biblioteca Municipal Miguel González Garcés do Burgo, onde se desenvolveu a actividade ao longo do ano.

Alí acompañoulles a perrita Nala, unha das dúas que participan no programa en Culleredo. Lembramos que o obxectivo principal é axudar a persoas con discapacidade intelectual a estimular as habilidades lectoras e melloras a nivel social.

Elíxense para isto cans de terapia porque son moi tranquilos, capaces de estar todo o tempo ao seu lado e pendentes de toda persoa que le xunto a eles e elas. Todos os animais deste programa pasan un exame cada dous anos para comprobar que a súa tolerancia a #o #estrés sexa alta e poder así continuar coa súa actividade. Tamén se valora positivamente o vínculo que lle une ao seu guía.

O alcalde, José Ramón Rioboo, mostrou a súa “satisfacción por un programa desenvolvido polo Concello de Culleredo e do que facemos un balance máis que positivo. Hoxe mesmo puiden compartir coas usuarias e usuarios de ‘A Escada’ opinións e vivencias de todo este ano, e non me puideron transmitir mellores sensacións”, afirmou.

0.19505596160889