Culleredo contará cun viveiro de empresas tras aprobarse a moción de Alternativa dos Veciños
O pleno municipal de Culleredo aprobou onte unha moción presentada por Alternativa dos Veciños para a creación dun Viveiro Municipal de Empresas, co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de novos proxectos empresariais e fortalecer o emprego no municipio. Un dos espazos propostos para albergar o viveiro é o Centro Loxístico de Transportes de Ledoño, unha vez conclúa o proceso de toma de posesión dos inmobles pertencentes ao Concello.
Este viveiro está concibido como un recurso que permitirá a emprendedores establecer, lanzar e consolidar as súas empresas. A infraestrutura ofrecerá espazos de traballo en condicións vantaxosas, facilitando os primeiros anos de actividade e promovendo a economía local. Así, o Concello busca dotar ás pequenas empresas de medios e apoio para afianzar as súas operacións e medrar no tempo.