Culleredo conmemora o 25N cun amplo programa de actividades baixo o lema 'Basta xa!'

ACoruñaXa
O Concello organiza xornadas sobre a violencia contra as mulleres, unha andaina, teatro, contacontos e outras iniciativas para sensibilizar á cidadanía
culleredo 25N 2024
6 Nov 2024

O Concello de Culleredo preparou unha extensa programación para o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, cunha serie de actividades que buscan sensibilizar á comunidade sobre esta problemática social. Baixo o lema “Basta xa!”, o programa incluirá xornadas formativas, unha andaina, obras teatrais, contacontos e máis actividades.

O alcalde, José Ramón Rioboo, presentou o programa deste ano destacando que "este é un tema de máxima importancia para o noso concello, onde consideramos que toda acción de concienciación é necesaria”. Rioboo explicou que o programa abrangue as áreas de Igualdade, Cultura e Xuventude co obxectivo de implicar a todos os veciños e transmitir con claridade a mensaxe desta campaña.

Xornadas formativas e andaina contra a violencia de xénero

Dentro das actividades centrais, destacan dúas xornadas sobre a violencia de xénero. A primeira celebrarase o luns 25 ás 12:00 na sala polivalente do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, e a segunda será o día 27 ás 18:00 horas no rectoral de Celas de Peiro. Contarán coa participación de Sandra María Vázquez Agra, do equipo VIOXEN da Garda Civil, e Manuel Vilaboy Romero, da unidade de violencia de xénero sobre a muller da Subdelegación do Goberno en A Coruña.

O programa tamén inclúe a “Andaina contra a violencia de xénero”, que celebra a súa undécima edición e que organiza o Consorcio As Mariñas. Terá lugar o sábado 23 ás 11:00, cun percorrido de cinco quilómetros polo concello de Bergondo, promovendo a participación de veciños e veciñas como un acto simbólico de repulsa á violencia machista.

Durante todo o mes de novembro, as bibliotecas municipais de Culleredo ofrecerán unha mostra bibliográfica sobre igualdade e xénero. Ademais, o alumnado dos institutos de secundaria colaborará nunha campaña de sensibilización contra o machismo a través da gravación de vídeos que se difundirán en redes sociais.

Programación cultural especial

A programación inclúe ademais unha variedade de eventos culturais. Comezará o xoves 7 co contacontos “Os contos da dragona Ramona” na Biblioteca González Garcés de O Burgo ás 17:30, unha actividade pensada para nenos e nenas de 3 a 12 anos, con entrada libre sen necesidade de reserva.

O venres 15 será a quenda do teatro co espectáculo “Tralalareira” de Vero Rilo e Santi Cribeiro, no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo ás 20:30. Esta obra, enmarcada dentro do programa “Culleredo en Escena”, combina narración oral, humor e música e está orientada ao público adulto. É necesario reservar entrada con antelación, dispoñible a partir do luns 11.

A dragona Ramona regresará o xoves 21 cun contacontos na Biblioteca Xosé Cardeso Liñares de Vilaboa ás 17:30, tamén sen necesidade de reserva.

O domingo 24, o grupo Teatro Airiños presentará “As vellas non deben namorarse” no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo ás 19:00. Esta obra é unha revisión do clásico de Castelao, adaptado para explorar cuestións actuais de xénero e identidade. A reserva para esta función estará dispoñible desde o luns 18.

Para pechar o mes, o venres 29, Verdeveras Expresións Artísticas ofrecerá “As formas do amor” no Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo ás 20:30. Esta peza, que aborda valores como o amor e a igualdade, tamén require reserva previa que se poderá facer a partir do luns 25.

Culleredo quere así ofrecer un espazo para a reflexión e a acción colectiva neste 25N, implicando a toda a poboación e reivindicando o seu compromiso coa eliminación da violencia contra as mulleres.

 

 

0.17938995361328