Culleredo completa unha nova edición do programa infantil de cociña saludable 'Cullerchef'
O Concello de Culleredo clausurou esta tarde unha nova edición do ‘Cullerchef’, o programa de cociña saudable para nenos e nenas de 6 a 12 anos. O alcalde, José Ramón Rioboo; e a concelleira de Cultura, Penélope López, entregaron ás pequenas e pequenos os diplomas que acreditan o completar a actividade.
Este ano cubríronse as 30 prazas dispoñibles practicamente ao momento da apertura do prazo de inscrición, e a actividade celebrouse durante 11 sesións no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo todos os martes desde o pasado 9 de abril.
O ‘Cullerchef’ naceu no ano 2018 cun obxectivo claro: achegarlles ferramentas aos máis pequenos e pequenas para aprender a cociñar dunha maneira sa, axudándolles a diferenciar que produtos son os de mellor achega nutricional, á vez que se divirten elaborando as súas creacións.
Durante o confinamento, a Administración local quixo darlle continuidade a este programa través de vídeos nos que a profesora responsable do programa explicáballes ás nenas e nenos do municipio unha receita cada semana.
Nesta edición, puideron elaborar receitas tan variadas como hamburguesas elaboradas con peixe, galletas de avea ou mini pizzas. Traballaron con produtos naturais, como os dátiles ou o azucre de coco, e recibiron visitas de produtores locais como Devalo, EcoTerra, Ben Senta ou A Castrexa.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, felicitou a “as nenas e nenos participantes no ‘Cullerchef’, un dos programas con máis éxito desde a súa implementación, e así seguirá sendo. Non só porque as nenas e nenos poden aprender máis sobre a cociña e a súa arte, senón porque o fan sabendo distinguir que hai unhas cousas máis sas que outras, ademais de familiarizarse con produtos que poden adquirir á beira de casa, como en Devalo ou EcoTerra”, sinalou.