Culleredo celebra o arranxo do acceso ao centro de saúde de Acea de Ama por parte da Xunta

ACoruñaXa
O Concello logra que a administración autonómica actúe tras meses de reclamacións veciñais e municipais polo mal estado do entorno
Centro de saúde de Acea Ama Culleredo
30 Dec 2024

O Concello de Culleredo conseguiu que a Xunta de Galicia actúe finalmente para solucionar os problemas de mobilidade e accesibilidade no entorno do centro de saúde e PAC de Acea de Ama. Os servizos municipais e o Sergas están a realizar os trámites necesarios para que se inicien as obras na parcela, de titularidade autonómica, tras meses de reclamacións do goberno local e da veciñanza.

As deficiencias no acceso causaron preocupación entre os usuarios do centro, que recibe centos de persoas a diario. Os problemas localízanse no firme da calzada, que presenta gretas e fochancas visibles, dificultando o paso tanto de vehículos particulares como de ambulancias. A zona de estacionamento tamén se atopa nun estado deteriorado.

Os accesos peonís tampouco están en mellores condicións. Beirarrúas e bordos presentan deterioro, dificultando a entrada e saída da instalación médica, agravado pola ausencia dun pintado adecuado da sinalización.

Tanto o centro como a parcela, de 3.440 metros cadrados, foron cedidos pola administración municipal á Xunta de Galicia en 2009, sendo responsabilidade autonómica as actuacións de mantemento. Ante esta situación, o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destacou que se trata dunha “zona moi sensible” e que require unha intervención inmediata “para garantir a mobilidade e a accesibilidade”.

Ademais, o goberno municipal trasladou á Xunta un proxecto de renovación integral do espazo, enmarcado nas iniciativas de rexeneración urbana que o Concello está a levar a cabo en distintas zonas.

0.16494607925415