Culleredo, Arteixo e A Laracha presentan un recurso contra a autorización do parque eólico Carboeiro
Os Concellos de Culleredo, Arteixo e A Laracha presentaron un recurso de alzada para impugnar a autorización outorgada pola Xunta de Galicia ao parque eólico Carboeiro, promovido por Green Capital Development. As instalacións afectarían a terreos destes tres municipios, que coinciden en sinalar varios aspectos críticos no seu recurso.
Un dos principais argumentos expostos polos concellos é a falta de recoñecemento da excepcionalidade do proxecto, xa que se situaría fóra das áreas designadas para o desenvolvemento eólico, en contradición co Plan Sectorial Eólico de Galicia. Tamén subliñan que non se xustifica tecnicamente a optimización dos recursos eólicos da zona.
Ademais, os gobernos municipais denuncian que se fixeron modificacións no proxecto que implican un impacto ambiental significativo, sen que estas alteracións fosen sometidas a exposición pública antes da resolución de impacto ambiental.
Outro dos puntos destacados no recurso é a insuficiente concreción do proxecto construtivo, o que provoca unha indefensión para os concellos ao non contar cunha información clara e detallada das actuacións previstas.
Os tres Concellos coinciden en que a execución deste proxecto ocasionaría graves prexuízos ao interese público e ao medio ambiente, especialmente na zona do Monte Xalo, que se vería afectada no caso de Culleredo. Por isto, solicitan á Xunta a suspensión da autorización concedida o pasado 28 de agosto, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia.