Culleredo aproba a terceira o modificativo para pagar Villa Melania tras a anulación xudicial do veto da oposición

ACoruñaXa
A sentenza obriga ao Concello a compensar pola obtención do pazo e a súa zona verde, bloqueada dúas veces polos grupos do PP e BNG
Imaxe Vila Melania en Culleredo
2 Dec 2025

O pleno extraordinario do Concello de Culleredo aprobou finalmente este martes o modificativo de crédito para proceder ao pagamento de Villa Melania tras a anulación xudicial do veto da oposición. Este acordo plenario fora anteriormente rexeitado en xullo e setembro polos grupos do PP e BNG, que bloquearon o cumprimento da sentenza que obriga ao Concello a pagar a cantidade establecida polo xulgado.

O veto da oposición foi cualificada polo tribunal como “nulo de pleno direito” por ter “a finalidade de eludir” o cumprimento da sentenza. A pesar deste auto xudicial, os grupos da oposición, di o Concello nun comunicado, “evitaron asumir responsabilidades”. Dende o Concello lembran que PP e BNG bloquearon dúas veces a aprobación do modificativo, o que obrigou ao Xulgado a anular eses acordos por “impedir o cumprimento da Sentenza” e a instar ao Concello a levar de novo a proposta ao pleno, reservándose a adopción de medidas para garantir a súa execución.

“Hoxe, tras tres plenos, faise o que sempre se debeu facer: cumprir cunha sentenza firme e pechar este expediente con todas as garantías legais”, afirma a concelleira de Facenda, Marta Iglesias, quen lamentou “o interese da oposición por obstaculizar o avance administrativo do Concello”.

No pleno, a proposta saíu adiante cos votos a favor do PSOE, as abstencións do PP e Alternativa, e o voto en contra do BNG.

Respecto á compensación económica, esta deriva da obtención por parte do Concello do pazo de Villa Melania e a súa zona verde, un espazo emblemático de Vilaboa destinado a usos culturais e sociais. En 2003, o Concello asinara un convenio de permuta de terreos, que non se chegou a executar, polo que a empresa reclamou unha indemnización económica. O Xulgado de Contencioso estableceu o prezo en 1.244.423,95 euros, moito menor aos 4,7 millóns reclamados inicialmente, e esta decisión foi confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O goberno local reitera o seu compromiso coa legalidade e o cumprimento das sentenzas, especialmente neste caso, no que se defende un patrimonio municipal dispoñible para todos os cidadáns desde hai máis de 20 anos, cunha ampla oferta de salas, salón de actos, biblioteca e zona verde.

⚙ Configurar cookies
0.082663059234619