Culleredo aposta pola seguridade viaria coas obras de mellora en Ermida de Ternande
O Concello de Culleredo anunciou a licitación dun proxecto para renovar a rede viaria en Ermida de Ternande, na parroquia de Celas. Cun orzamento de 159.901,73 euros, esta intervención responde ás demandas da veciñanza e ten como obxectivo mellorar o estado estrutural e funcional da estrada principal do núcleo rural, coñecida como VP-513.
Esta estrada, que dá acceso a numerosas vivendas unifamiliares, sufriu un deterioro progresivo polo paso do tempo e o uso constante. O proxecto contempla a renovación da capa de rodaxe, a limpeza dos bordos e a reapertura das cunetas, ademais de dotar o vial dunha nova sinalización que favoreza unha circulación segura.
A vía consta de dous tramos principais. O primeiro, de 1.163 metros de lonxitude e 4,5 metros de ancho, conecta coa estrada autonómica AC-400. O segundo, de 1.860 metros e 4 metros de ancho, abrangue o tramo circular que rodea Ermida de Ternande. Entre as accións previstas, destaca a ampliación no punto quilométrico 0+817 para mellorar a seguridade viaria, así como a construción dunha obra de drenaxe transversal no cruzamento coa ramificación do Rego das Xesteiras.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, subliñou a importancia de aproveitar os remanentes de crédito para levar a cabo actuacións urxentes en varias parroquias. "A mellora da seguridade viaria é unha prioridade absoluta para o noso goberno, especialmente nas vías que presentan maiores necesidades de reforma", destacou o rexedor.