Culleredo adxudica por 138.000 euros as obras de renovación do barrio da Corveira

ACoruñaXa
O plan contempla novo pavimento, iluminación eficiente, unha rede para evitar inundacións e a posta ao día de zonas verdes e mobiliario urbano
A Corveira Culleredo
7 Nov 2026

O Concello de Culleredo adxudicou por 138.190 euros as obras de renovación urbana do barrio da Corveira, unha actuación que o goberno local vincula directamente ás demandas formuladas polos veciños da zona nos últimos tempos. A intervención, que arrincará nas vindeiras semanas, centrarase en tres viais de uso fundamentalmente residencial: a avenida da Corveira, a rúa Pablo Neruda e a rúa Antón Losada Diéguez. O proxecto está cofinanciado pola Deputación da Coruña.

O alcalde, José Ramón Rioboo, enmarcou a actuación dentro dos plans municipais de rexeneración urbana, orientados, segundo sinalou, a mellorar a calidade de vida dos veciños. “El proyecto tiene como principal objetivo el incremento de la seguridad vial y la modernización de servicios”, afirmou o rexedor.

A obra de maior calado técnico concentrarase na rúa Pablo Neruda, onde os veciños viñan denunciando episodios recorrentes de acumulación de auga nos accesos ás vivendas durante as chuvias máis intensas. Para corrixir este problema, o Concello instalará unha nova rede de colectores de pluviais, con tubaxes de 315 e 200 milímetros de diámetro, que discorrerá en paralelo ao saneamento existente. O proxecto inclúe sumidoiros nos accesos ás vivendas de ambos os dous marxes da rúa e a reconexión das baixantes.

As tres rúas afectadas recibirán ademais unha renovación integral do firme. Os traballos contemplan o fresado dos treitos deteriorados e a extensión dunha nova capa de rodaxe bituminosa, coa conseguinte nivelación de tapas de rexistro, pozos e reixas. A sinalización horizontal e vertical será substituída na súa totalidade, e no acceso á avenida da Corveira modificarase a illa existente para ampliar o número de prazas de aparcadoiro.

O proxecto aborda tamén a modernización do alumeado público, que na actualidade carece de tecnoloxía LED. O Concello substituirá as luminarias e os brazos de suxeición, tanto os instalados en postes como en fachadas, co obxectivo declarado de reducir o consumo enerxético e incrementar os niveis de luminosidade na zona.

A estas actuacións súmase a renovación do mobiliario urbano, considerado obsoleto polo propio Concello, coa substitución de bancos e papeleiras, así como o acondicionamento da zona verde situada na intersección entre a rúa Pablo Neruda e a avenida da Corveira, onde se aplicará un tratamento de asfalto coloreado nas áreas de descanso delimitadas con bordo.

O Concello enmarca esta intervención nunha serie de actuacións xa executadas na Corveira ao longo do actual mandato, entre as que destacan a rehabilitación da rúa Irmáns Suárez Ferrín, a instalación dun parque infantil dotado de grandes toboáns e a humanización do treito correspondente á antiga Nacional 550.

0.15311503410339