Culleredo activa un plan de melloras por 7,9 millóns para renovar instalacións deportivas, culturais e viarias

ACoruñaXa
O pleno aprobou definitivamente por unanimidade o modificativo de crédito e deu luz verde a outra actuación de 465.903 euros na praza Europa do Burgo, con reforma das pistas e das sendas peonís
CULLEREDO pleno aprobado
30 Dec 2025

O Concello de Culleredo deu luz verde definitiva ao modificativo de crédito que permitirá mobilizar 7,9 millóns de euros para executar un amplo plan de mellora de infraestruturas públicas municipais. A aprobación saíu adiante por unanimidade no pleno, que tamén rexeitou a única alegación presentada, avalado por un informe de Intervención. Segundo os servizos técnicos, a reclamación non encaixaba nas causas taxadas por lei, ao non existir defectos de forma na tramitación nin considerarse improcedente o gasto do crédito extraordinario.

O alcalde, José Ramón Rioboo, sinalou que se trata dun paquete de investimentos ‘realmente ambicioso’ co que se pretende renovar dotacións en todo o termo municipal, con actuacións no ámbito deportivo e cultural, pero tamén en saneamento e accesibilidade. O rexedor indicou que a prioridade do goberno local será poñer en marcha as obras canto antes, coa intención de dar resposta a demandas do tecido asociativo e veciñal.

O plan inclúe máis dunha vintena de intervencións. No eido deportivo destacan a reforma do campo de fútbol do Carrizo (O Portádego), a renovación do céspede do campo de Rutis, a rehabilitación dos vestiarios de O Burgo e Tarrío, a construción de novos vestiarios en Almeiras, a mellora da iluminación do campo e do pavillón do Burgo e a substitución de redes e porterías nos campos municipais. Tamén se prevé a rehabilitación integral do polideportivo de Tarrío, a instalación de marcadores electrónicos en campos e pavillóns, a reforma das pistas de Alvedro e a renovación das de Fonteculler (na contorna da avenida Portádego), ademais do peche perimetral das pistas da avenida Juan Carlos I e a renovación de espazos deportivos en Sésamo e na pista de Los Olivos (Vallesur). O paquete complétase coa creación dunha nova pista multideporte en Vilaboa, no parque Sofía Casanova, e coa reparación de cubertas en instalacións e en campos de chave de titularidade municipal.

Fóra do deporte, o modificativo incorpora a renovación do Conservatorio Municipal e a creación dunha nova área de Rehabilitación Integral na Fonte da Balsa. Ademais, recóllense obras de saneamento en Celas, Castelo, Sueiro e Sésamo e melloras de accesibilidade en Vinseira, Orro, Bregua e Celas. Entre outras actuacións, o Concello prevé un novo parque infantil en As Brañas, o asfaltado da rúa Pomares, o arranxo da rúa Miguesas e a reparación da ponte elevada sobre a vía ferroviaria no Burgo. Este montante forma parte dos 17 millóns de euros de aforro acumulado que o Concello destinará a actuacións consideradas de interese para o municipio.

No mesmo pleno aprobouse tamén destinar 465.903 euros do POS Adicional á reforma integral das pistas deportivas da praza Europa, no centro do Burgo, e á renovación completa das sendas peonís. O goberno local defendeu unha intervención máis global, combinando a mellora do ámbito deportivo coa accesibilidade e a mobilidade interior deste espazo urbano. A obra incluirá un pavimento deportivo de resina sintética, marcaxes regulamentarias e novo equipamento (canastras e porterías), ademais da substitución dos peches perimetrais para reforzar a seguridade e a estética do conxunto.

⚙ Configurar cookies
0.087473154067993