Culleredo activa un dispositivo especial de seguridade desde este venres polas festas de Vilaboa

ACoruñaXa
O Concello estrea posto de mando avanzado con videovixilancia
Imaxe das rúas de Vilaboa en Culleredo
12 Xul 2024

Vilaboa vive desde hoxe venres, día 12 de xullo, e ata o luns 15, os seus festexos patronais que organiza a Comisión de Festas. Espérase a afluencia de miles de persoas de Culleredo e arredores polo que os festexos contarán cun dispositivo especial de seguridade da Garda Civil, a Policía Local, o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil, ademais do 061.

Será un plan de seguridade coordinado, centrado na atención ao cidadán e na regulación do tráfico. O Concello reforzará todos os días as quendas dos axentes da Policía Local e dos efectivos de Emerxencias en horario nocturno, cando se concentra un maior número de asistentes ás festas.

O Concello estrea nestas festas un sistema de videovixilancia para reforzar a seguridade, avalado pola Subdelegación do Goberno na Coruña, coa que se mantivo unha reunión de coordinación esta semana. O posto de mando avanzado está dotado de varios postos de traballo e monitores para seguir as imaxes das cámaras que se instalarán na zona.

O obxectivo primordial do dispositivo de tráfico será a seguridade do peón. Por iso prohibirase o estacionamento na zona das festas e amplíase o espazo peonil con valos. Para lograr un paso seguro entre a praza de la Iglesia e a zona das atraccións, onde haberá maior trasfega, efectivos de seguridade estarán permanentemente regulando o paso de peóns da avenida.

Todos os días, desde as 18.00 horas, a rúa Senra e a avenida de Cordeda permanecerán cortadas. E desde as 20.00 horas, a rúa Alejandro Pérez Lugín terá só dirección de circulación cara á avenida de Vilaboa. O acceso residencial a esta vía e a Gómez Pérez das Mariñas será a través da rúa Breogán.

Para facilitar a accesibilidade, o Concello establecerá zonas para o estacionamento de persoas con mobilidade reducida. Na rúa Pérez Lugín haberá tamén un espazo reservado para taxis e na rúa Breogán para ambulancias.

 

0.19025897979736